Novo local de comida rápida para a avenida de Lugo: KFC pide licenza para instalarse á beira de McDonald's

Pontevedra
13 de outubro 2020

A Comisión de Urbanismo do  Concello de Pontevedra abordou na súa reunión deste martes esta solicitude. A cadea estadounidense pide instalarse nunha parcela situada entre McDonald's e o supermercado  Lidl e pretende establecer un servizo 'auto', isto é, punto de comida para levar para recollida sen saír do coche 

Parcela da avenida de Lugo na que pretende instalarse KFC Mónica Patxot

A cadea de restaurantes de comida rápida estadounidense KFC, tamén coñecido como Kentucky Fried Chicken, unirase a McDonald' s e Burger King na súa aposta pola avenida de Lugo de Pontevedra. Acaba de solicitar licenza no Concello para instalarse nunha parcela desta zona. 

A Comisión de Urbanismo do Concello de Pontevedra abordou na súa reunión deste martes esta solicitude, que manifesta a intención da cadea de instalarse nunha parcela situada entre McDonald' s e o supermercado Lidl.

O novo KFC instalarase, desta forma, nunha parcela que ata o de agora ocupaba unha área de lavado, segundo os datos facilitados polo concelleiro de Urbanismo, Xaquín Moreda. 

De momento, a cadea de restaurantes de comida rápida especializada en pito frito tan só presentou un proxecto básico para a súa futura actividade, aínda que o Concello xa sabe que pretenden establecer un servizo 'auto', isto é, punto de comida para levar para recollida sen saír do coche, o mesmo que xa ofrece nesta avenida o McAuto de McDonald' s ou o Auto King de Burger King. 

Respecto diso, convén aclarar que no caso de Burger King a dirección exacta é a rúa Carrasqueira, aínda que está xusto no inicio da avenida de Lugo. 

Moreda valorou que esta solicitude de licenza é un exemplo da boa saúde económica de Pontevedra, pois se esta empresa quere instalarse no municipio todo apunta a que teñen estudos de mercado que garantan a súa viabilidade.