O novo trazado da variante de Alba será "moi similar" ao anterior e coñecerase a finais do verán

Pontevedra
26 de xullo 2025

O novo trazado, que contará "co maior consenso posible", variará "moi pouco" a súa configuración de dous carrís, un por sentido, e terá un deseño humanizado con sendas peonís e ciclistas

Estrada PO-531 ao seu paso por Campañó
Estrada PO-531 ao seu paso por Campañó / PontevedraViva

A tramitación da coñecida como variante de Alba, que unirá a PO-531 e a N-550 para desconxestionar o tráfico en ambas as estradas, está "moi avanzada". Así o confirmou a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue.

Nunha entrevista con PontevedraViva que se publicará este domingo, Martínez Allegue desvelou que o novo trazado desta variante, que será "moi similar" ao deseñado polo Concello no seu día, coñecerase "a finais do verán".

Este itinerario renovado será sometido entón ao proceso de avaliación ambiental simplificada.

O viario, destacou a titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, mellorará a mobilidade e a seguridade viaria en toda esta zona "e non terá ningún impacto social".

"Está totalmente estudado", subliñou María Martínez Allegue, que explicou que a Xunta decidiu executar finalmente esta variante tras o estudo realizado para analizar o tráfico que soportan as estradas que unen Pontevedra con Vilagarcía e Caldas de Reis.

O novo trazado, que contará "co maior consenso posible", variará "moi pouco" a súa configuración de dous carrís, un por cada sentido, e contará cun deseño humanizado con sendas peonís e ciclistas, garantiu a conselleira.

Quedará preparada, iso si, para a "posibilidade" de ampliala nun futuro.

Tras analizar "moitos trazados", a Xunta apostará por iniciar esta variante na rotonda construída recentemente na PO-531, en Campañó, e chegará até a zona de Touceda (Alba) na N-550, onde tamén se habilitará unha nova rotonda.

A tramitación "non será excesivamente longa", segundo detallou Martínez Allegue, que confía en que esta avaliación ambiental simplificada non se demore máis aló de "seis ou sete meses".

A partir de aí a proposta de trazado inicial terá que ser sometido a información pública para que poidan presentarse alegacións e, de maneira paralela, a Xunta traballará no proxecto definitivo para axilizar a execución da variante.