Núñez Feijóo ve "desacertado" que o alcalde de Vilanova chamara "chacha para todo" a Carmela Silva

Pontevedra
10 de outubro 2018

A pesar diso, ante as peticións de dimisión do alcalde de Vilanova, Núñez Feijóo considera que "ninguén está en condicións de esixir nin de dar leccións de nada", xa que lembrou que no recente debate sobre o estado da autonomía, no Parlamento de Galicia, tivo que escoitar "auténticas barbaridades"

Alberto Núñez Feijóo, nunha entrevista en PontevedraViva Radio
Alberto Núñez Feijóo, nunha entrevista en PontevedraViva Radio / Mónica Patxot

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, referiuse por primeira vez ás polémicas declaracións do alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, nas que chamou "chacha para todo" á presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.

Fíxoo para asegurar que "non son acertadas", algo no que engadiu "todos" están de acordo. Con todo, a pesar de ser preguntado respecto diso tras o Consello da Xunta, non se pronunciou sobre se o rexedor de Vilanova debería dimitir, como solicita a oposición.

A pesar diso, Núñez Feijóo considera que "ninguén está en condicións de esixir nin de dar leccións de nada", xa que lembrou que no recente debate sobre o estado da autonomía, no Parlamento de Galicia, tivo que escoitar "auténticas barbaridades".

O titular do goberno galego engadiu que "moito menos" estas "leccións" poden vir do municipio "máis bronco" de Galicia -en referencia a Vigo-, no que segundo denunciou a "descualificación" e a "falta de respecto" prodúcense "continuamente".

Deste xeito, insistiu en que "con independencia" do partido e das persoas que formulen este tipo de consideracións, "o que hai que ter é máis respecto, máis moderación, menos críticas e menos disputas partidistas".