Acompañado polos seus concelleiros do equipo de goberno; pola alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro; polo portavoz do PP na Deputación Provincial, Ángel Moldes e por varios representantes populares en concellos do Salnés como Salomé Peña ou Luis Aragunde, o alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, comparecía este venres ante numerosos medios de comunicación de ámbito local, autonómico e nacional para reiterar as súas declaracións sobre a presidenta da Deputación, Carmela Silva, á que cualificara de "chacha para todo".
"Si lo sé, lo hacemos en el Pabellón de Deportes que tiene 3.000 personas de aforo", bromeaba o rexedor.
O alcalde indicou que se alegraba de que se presentara unha demanda por esas declaracións desde a Deputación Provincial e afirma que non quere pronunciarse sobre ese tema ata que ditamine o xuíz. Con todo, Durán manifestou que non se arrepinte das declaracións efectuadas e manifestou que conta co apoio do seu partido: "Yo creo en la libertad de expresión, y no me arrepiento de nada".
Non avaliou que Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta, cualificase a frase como "desacertada" e convidou o Partido Socialista a promover unha moción de censura se desexa que abandone a presidencia da Mancomunidade do Salnés.
O rexedor indica que se ve apoiado tamén polos seus veciños, dos que recibiu numerosas mensaxes estes días en contra de Carmela Silva e que tivo que eliminar do móbil. En canto á concentración organizada polo Servizo de Igualdade contra as manifestacións machistas dixo que era un acto democrático que lle parecía ben aínda que non lle gustaron os insultos.
Pero a súa intervención foi, sobre todo, para criticar ao goberno bipartito da Deputación Provincial ao que acusou de desviar 30 millóns de euros dos concellos pequenos para realizar investimentos en Vigo, cidade na que é concelleira Carmela Silva. Iso supuxo que a entidade provincial non realice as melloras da estrada de Baión nin a piscina municipal de Vilanova de Arousa, segundo comentou.
E ante esta situación, Gonzalo Durán afirma que está na vía do penal o trámite de dúas demandas contra o goberno da Deputación por "malversación de fondos públicos". Indicou que todo o tema sobre as súas declaracións é unha cortina de fume do Partido Socialista por estas demandas presentadas contra os dirixentes da Deputación en defensa dos veciños de Vilanova.