O alcalde de Ponte Caldelas acusa á Xunta de "parapetarse en Cores Tourís" para "botar balóns fóra"

Ponte Caldelas
08 de febreiro 2016

O alcalde de Ponte Caldelas entrevistouse co delegado da Xunta en Pontevedra para desbloquear o retraso no inicio das obras da PO-234 e reclamar un plan de emerxencias que rebaixe os tempos de intervención no municipio

Reunión do alcalde de Ponte Caldelas co Delegado da Xunta Xunta de Galicia

O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, saiu "decepcionado" do encontro mantido co delegado da Xunta en Pontevedra, Xosé Manuel Cores Tourís, co fin de que a administración autonómica dea resposta á reivindicación histórica dos veciños de Laxoso de que se amplíe e mellore a estrada PO-234 ata Augasantas.

Segundo Andrés Díaz, a xuntanza non supuxo un avance importante toda vez que "Tourís actuou de escudo protector para que a Xunta siga parapetándose e botando balóns fóra no arranxo e mellora da estrada Ponte Caldelas-Laxoso-Augasantas".

Nun comunicado de prensa, a Xunta informa que Cores Tourís reiteroulle ao rexedor que é preciso definir e priorizar os treitos da PO-234 nos que é necesario actuar, "tal e como asegurou recentemente a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, na visita que realizou ao concello de Cotobade".

O delegado territorial insistiu no feito de que se trata dunha estrada cunha baixa densidade de tráfico, "polo que hai outras vías con maior prioridade".

Neste senso, recordou a Andrés Díaz que, para poñer en marcha o ancheado do vial, será imprescindible que o concello se comprometa a ceder os terreos necesarios, priorizando os tramos que necesitan unha mellora con maior urxencia.

Andrés Díaz sinala "non parece lóxico que os veciños nos cedan a nós os terreos para que teñamos que pasarllos á Xunta. De tódolos xeitos, nós ofrecímonos para mediar e achegar posturas, si fora preciso, para que esa cesión se produza aínda que, insisto, non creo que ese sexa o problema".

O alcalde cre que a Xunta está buscando "escusas de mal pagador para dilatar o máximo posible unha solución que lle obrigaría a investir en Ponte Caldelas, que é o tramo máis conflictivo do trazado desta estrada. Así, mentras anuncia investimentos en Cotobade e na Lama deixa a Ponte Caldelas nunha situación de total abandono dentro da súa política de acoso e derribo do novo goberno municipal".

O delegado da Xunta apuntou que "non podemos esquecer que outras administracións, como a Deputación de Pontevedra acaba de anunciar que obrigará aos concellos a afrontar o 40% do custo das melloras das estradas que conten cunha densidade de tráfico menor a 3.000 vehículos", matizou Cores Tourís, quen recordou que a estrada de Ponte Caldelas a Cotobade ten unha media de 800 vehículos ao día. "Nin o anterior goberno provincial con Rafael Louzán á cabeza, nin a Xunta traballan deste xeito. Ao contrario, para afrontar obras deste tipo sempre se buscou a colaboración entre ambas administracións", engadiu o delegado territorial.

ASEMBLEA COS VECIÑOS

Andrés Díaz anunciou que en breve convocará unha asemblea cos veciños de Laxoso para explicarlles, polo miudo, a situación e a resposta que ante este problema dá a Xunta.

Díaz lembrou tamén que, de facerse a mellora por tramos, como plantexa a Xunta "aínda que a estrada en cuestión é o suficientemente curta como para afrontala dunha sola tacada", os arranxos deberían comezar polo tramo que vai de Ponte Caldelas a Laxoso que é o que presenta a maior perigosidade e a maior urxencia.

O alcalde de Ponte Caldelas dixo que "por desgraza o que está facendo a Xunta con estas maniobras de distracción é non asumir as súas responsabilidades e dilatar no tempo unha solución a todas luces lóxica e necesaria. Sobre a conciencia destas persoas deberá caer calquera sombra de culpa de futuros accidentes que, esperemos, non acaben causando algunha vítima mortal", rematou.