O alcalde de Ponte Caldelas solidarízase co persoal de Tafisa, que o 27 de maio iniciará a folga

Ponte Caldelas
20 de maio 2014

Perfecto Rodríguez anunciou aos representantes do comité de empresa cos que se xuntou este mediodía que intentará manter unha entrevista coa dirección da empresa para buscar unha solución ao peche da fábrica situada en Ponte Caldelas

Xuntanza do alcalde de Ponte Caldelas co comité de empresa de Tafisa Concello de Ponte Caldelas

O comité de empresa de Tafisa está a tramitar a opción de iniciar o próximo 27 de maio unha folga indefinida de todo o persoal como resposta ao anuncio por parte da dirección do peche da fábrica de Ponte Caldelas. Os traballadores teñen previsto levar a cabo diversos actos de protesta ademais de iniciar un ciclo de conversacións cos distintos representantes políticos.

Durante o mediodía deste martes 20 de maio, o alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, recibía os membros do comité de empresa e dirixentes sindicais que reclaman a mediación para evitar o peche. O rexedor mostrouse preocupado pola situación e manifestou a súa intención de entrevistarse con responsables da fábrica de Tafisa en Ponte Caldelas para coñecer as circunstancias desta decisión. Perfecto Rodríguez tamén afirmou que intentará poñerse en contacto con representantes de organismos provinciais e autonómicos para buscar algunha saída.

Os representantes sindicais afirman que a intención da empresa é trasladar a carga de traballo a Alemaña, o outro país europeo no que se elabora tarima flotante. Aseguran que, nos últimos anos, a produción que saía da factoría do polígono da Reigosa está suxeita a limitacións para a súa expansión polo mercado europeo.