O asfaltado do Castañal completa a reforma urbana do barrio

Pontevedra
08 de decembro 2021

Durante os próximos tres días prolongaranse os traballos de asfaltado das rúas Mestre Soutullo, O Castañal e Gaiteiro de Soutelo, unha actuación que completa a reforma urbana do barrio. Os traballos comezarán este xoves e rematarán o sábado 11 de decembro

Obras no barrio do Castañal Mónica Patxot

Durante os próximos tres días prolongaranse os traballos de asfaltado das rúas Mestre Soutullo, O Castañal e Gaiteiro de Soutelo, unha actuación que completa a reforma urbana do barrio. 

Os traballos comezarán este xoves ás 15.00 horas e rematarán o sábado 11 de decembro, ás 19.00 horas, aínda que esta planificación poderá ampliarse segundo as necesidades da obra. 

As obras consistirán no fresado e asfaltado das rúas para facer a reparación do firme que xa esgotou a súa vida útil.

A planificación de tráfico proposta pola Policía Local é limitar o estacionamento na rúa Faustino Santalices e prohibir a circulación polas rúas a asfaltar mentres duren os traballos durante o día.

Unha vez que se remate a xornada laboral, volverán a abrirse ao tráfico, para volver a pechar ao día seguinte.

A substitución do firme destas rúas complementa as obras de reforma urbana que se están a realizar no barrio do Castañal, en concreto nas rúas Ernesto Caballero, Forcarei, Amor Ruibal, Mestre Soutullo, Ramón Cabanillas e a praza das Regas.

RESTRICIÓNS EN JOSÉ MALVAR

Pola súa banda, este xoves tamén se asfaltará a rúa José Malvar para rematar as obras de reposición do tubo de formigón armado que canaliza o regacho de Valdecorvos.

Os traballos executaranse pasada a rotonda que conecta a rúa co barrio de Valdecorvos, baixo a ponte do ferrocarril. O fresado e asfaltado realizarase a partir das 09.15 horas, logo da entrada dos escolares aos centros de ensino, e as 19.00 horas.

No caso de que a reparación estea rematada antes, abrirase a rúa.

O dispositivo de tráfico planificado pola Policía Local permitirá circular por José Malvar en dirección ao centro da cidade, pero os tráficos cara a ponte dos Tirantes serán desviados por Loureiro Crespo, Casimiro Gómez, Camiño Vello de Castela e o remate de José Malvar.