O BNG de Marín insta ao goberno local a cumprir coa obriga de dar auga a todos os veciños

Marín
02 de agosto 2015

Os nacionalistas sinalan que a falta de auga en Seixo é o resultado de apostar por macroproxectos en lugar de aproveitar os recursos propios

Operarios do Concello de Marín chorreando as rúas con auga da traída BNG

O BNG de Marín insta de novo ao goberno local a preocuparse pola falta de auga que están a sufrir os veciños de Seixo e a dar solución ao problema este verán.

Nun comunicado de prensa, os nacionalistas piden á concelleira responsable deste servizo que escoite aos veciños afectados. "Instamos de novo a señora Sanmartín a cumprir coas indicacións de Augas de Galicia e a facer un uso responsable da auga, que pasa, evidentemente, por non empregar auga potable para chorrear as rúas, especialmente en época de seca e cando un gran número de persoas do noso municipio non teñen acceso a ela nin sequera para ducharse ou lavar a roupa", din no seu escrtio.

Segundo o Bloque a  resposta da concelleira "apunta a que está a sacrificar aos veciños de Seixo, que ela cualifica de ‘poucos’, para xustificar  o macroproxecto de Acuaes". O Concello de Marín está a investir 3,3 millóns de euros "nunhas obras que se  anunciaron en 2011 e que aínda se acaban de iniciar para encher os depósitos coa auga de Pontevedra en lugar de apostar polos recursos propios".

Lembra a voceira nacionalista, Pilar Blanco que "o depósito de Mogor foi clausurado, os mananciais abondonados xunto co grupo de presión de Seixo, e cos excedentes da Escola Naval xa non se conta (e de feito xa non se aproveitan para encher o depósito de Cadro) que precisamente debería alimentar ás vivendas afectadas pola falta de auga".

O BNG asegura que "tiña unha solución e levouna a cabo", a instalación dun grupo de presión para dar auga as zonas afectadas. Proxecto que o goberno actual recibiu rematado hai catro anos pero que non quixo poñer en funcionamento porque "la solución definitiva es el proyecto de Acuaes", lamentan os nacionalistas.

Dende o BNG insisten en que queda "aínda moito verán, en que estamos en prealerta de época de seca e en que o Concello ten a obriga de facer un uso reponsable da auga e de abastecer todos os veciños. Para iso é preciso deixar a un lado os caprichos políticos e botar man das solucións ao seu alcance veñan de que quen veñan", conclúen.