O BNG de Marín pide explicacións sobre o proxecto de explotación da parcela cedida polo porto

Marín
13 de outubro 2016

A corporación acordou, hai agora un ano e a proposta do PP, encargar un estudo sobre as posibilidades de usos

María Ramallo, alcaldesa de Marín, asina un convenio co presidente da Autoridade Portuaria de Marín, Suárez Costa PontevedraViva

O grupo municipal do BNG de Marín, solicitou explicacións sobre a contratación dun estudo de viabilidade técnica, xurídica e de explotación da parcela de usos cedida polo Porto de Marín, que tería que ter encargado o goberno local do PP. Así o acordou o pleno da corporación municipal na sesión plenaria de outubro de 2015 a iniciativa do PP, a través dunha moción.

A pesar do tempo transcorrido, e de que no seu momento a alcaldesa, María Ramallo, fixo fincapé en que o Concello debería marcar os usos aos que se vai dedicar este espazo para poder levar a cabo neste mandato as melloras necesarias para poder integrar este espazo e definir os usos aos que se vai dedicar, a día de hoxe, os nacionalistas queren saber se se chegou a encargar o estudo.

Hai só un ano a alcaldesa afirmaba que era necesario un aparcadoiro soterrado, e que se podía aproveitar este espazo para facer un pavillón cultural. O Bloque di que agora "xa ninguén sabe que o que vai pasar con estes terreos, porque o PP xa cambiou de opinión e incluso valora demoler a Casa do Mar, algo inasumible para o BNG".

Por iso, na vindeira sesión plenaria o BNG preguntará á alcaldesa neste sentido.