O BNG de Marín presenta unha emenda á instrución do Concello para a regulación das terrazas da hostalería. Pola crise derivada da pandemia, o goberno local flexibilizou a instalación de mesas na vía pública, pero desde a oposición piden ao executivo de Ramallo que a ocupación da vía pública por locais de hostalería "non dificulten a visibilidade de entradas, fachadas ou escaparates de locais comerciais", sinala a portavoz Lucía Santos.
A líder dos nacionalistas afirma que "esta enmenda que propón o BNG é consecuencia das queixas de comerciantes da localidade que están vendo perxudicados os seus locais pola ampliación do espazo de terraza de hostalaría, xa que nalgún caso co mobiliario e parasois ocultan a visibilidade dos escaparates dos seus negocios, sentíndose discriminados por esta causa".
No Bloque son conscientes dos problemas que tiveron que superar os hostaleiros e que as axudas do goberno local eran imprescindibles, "mais isto non pode ir en contra da actividade doutros locais comerciais". Por iso solicitan que se teña en conta esta cuestión á hora de autorizar a colocación de veladores na vía pública.