O BNG de Marín propón unha praza adicada a Carmen Pesqueira "A Capirota"

Marín
25 de xaneiro 2018

Coa sua moción o Bloque pretente que na devandita praza se dea a coñecer a súa historia, e que este espazo sexa inaugurado co seu nome o vindeiro 18 de agosto, nun acto conxunto entre o Concello e a Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica de Marín

Membros do BNG de Marín BNG de Marín

A concelleira do grupo local do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Lucía Santos, vén de presentar unha moción para o seu debate no pleno municipal de Marín na que pide que a praza sita na rúa Méndez Núñez, a carón do museo municipal, chamada antigamente de forma popular "Camiño ao Peirao Vello" leve o nome de "Carmen Pesqueira Domínguez".

O BNG considera que ela foi "unha das mulleres de Marín máis coñecidas do século XX". Coñecida popularmente co alcume familiar de A Capirota. Carmen Pesqueira era filla do mariñeiro Antonio Pesqueira Pérez e de Gumersinda Domínguez Pesqueira, naceu na Mouta o 1 de xullo de 1907. Costureira e lavandeira de profesión, traballaba no Priorado e ademáis era nai solteira.

Un día do mes de agosto de 1936, Carmen chamou criminais a uns falanxistas que mallaban a un home na rúa da Ponte. Entre eses falanxistas estaba o criminal nazi Bruno Schweiger, coñecido en Marín como "O Alemán". Esa mesma noite collérona, e, segundo testemuños orais, foi vexada físicamente e torturada, sendo asesinada horas máis tarde no lugar do Pozo da Revolta (Mogor).

Durante uns intres os falanxistas abandonaron o seu corpo e ao amencer voltaron, levando o seu cadáver nun camión até a vila de Bueu, exhibíndoo polas rúas, até que tiraron os seus restos nunha delas para que todo o mundo mirase as consecuencias de até onde podían chegar, coa intención de amedrentar á poboación.

A súa morte foi anotada no rexistro civil de Bueu o 19 de agosto de 1936, aparecendo como causa "ferida no corazón" e foi soterrada no vello cemiterio desa vila.

Coa sua moción o Bloque pretente que na devandita praza se dea a coñecer a súa historia, e que este espazo sexa inaugurado co seu nome o vindeiro 18 de agosto, nun acto conxunto entre o Concello e a Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica de Marín.

Desde o Bloque Nacionalista Galego quieren destacar "a dignidade dunha persoa que non tolerou o que acontecía neses días cun acto de grandeza humana e de valentía que lle custou a vida nuns momentos onde a sociedade aterrorizada calaba e miraba para outro lado " e tamén o feito de que Carmen Pesqueira fora muller e nai solteira, unha circunstancia que "tamén pesou para que eses cobardes asesinos levaran a cabo o crimen".