O BNG, disposto a preguntar barrio por barrio se os veciños queren retirar os lombos

Pontevedra
25 de setembro 2015

A intención da oposición de acordar unha ordenanza para regular a instalación de lombos na cidade e a creación de tres vías sanitarias libres destes badéns atopou resposta no goberno municipal. E o BNG lanza un órdago. Os nacionalistas están dispostos a consultar aos veciños, barrio por barrio, se queren retirar os lombos que hai en cada un dos seus ámbitos

Lombos instalados na avenida das Corbaceiras Concello de Pontevedra

A intención da oposición de acordar unha ordenanza para regular a instalación de lombos na cidade e a creación de tres vías sanitarias libres destes badéns atopou resposta no goberno municipal. E o BNG lanza un órdago. Os nacionalistas están dispostos a consultar aos veciños, barrio por barrio, se queren retirar os lombos que hai en cada un dos seus ámbitos.

Este "referendo popular", ao que se refire o concelleiro Luís Bará, poñerase en marcha xa o vindeiro martes na reunión que xa estaba prevista en Os Campos para presentar aos veciños os detalles do proxecto definitivo da mellora do acceso a Monte Porreiro por esa zona da cidade. Neste viario están previstos varios lombos para acougar o tráfico e mellorar a seguridade viaria nas inmediacións da UNED.

Os demais encontros iranse celebrando, segundo o edil nacionalista, en todos aqueles barrios onde a oposición pide que se supriman estas medidas de acougado de tráfico como Médico Ballina, Orillamar, A Seca ou Conde Bugallal, vías que segundo PP, PSdeG-PSOE, Marea e Ciudadanos, deben quedar libre deste tipo de construcións para permitir un acceso máis rápido e cómodo ao Hospital de Montecelo.

En todo caso, onde si se mostra máis flexible o BNG é en poder corrixir algúns dos lombos que se colocaron recentemente nalgunhas zonas da cidade.

Xa se fixo, a petición dos veciños ou por recomendacións dos técnicos, por exemplo na nova rúa da Estación onde, segundo apuntou recentemente o alcalde, el mesmo deu a orde para que se rebaixasen ao estar demasiado altos.