O BNG promete unha senda litoral para unir San Salvador e A Barca se logra representación en Madrid

Poio
05 de novembro 2019

A candidata nacionalista pola provincia de Pontevedra, Carme da Silva, asegura que tamén loitará pola recuperación para Poio da xestión da Illa de Tambo para a súa inclusión no parque nacional das Illas Atlánticas e unha nova ubicación para a subestación eléctrica de Bértola

Carme da Silva traballará por unha senda litoral entre Lourido e A Barca se o BNG consegue deputados Bloque Nacionalista Galego

A finalización do paseo de Lourido ata a Ponte da Barca e a recuperación para uso público da illa de Tambo para a súa inclusión no parque nacional das Illas Atlánticas son as últimas esixencias que defenderá a candidata do BNG ao Congreso dos Deputados pola provincia de Pontevedra, Carme da Silva, se o seu partido logra representación despois dos comicios do próximo domingo.

A nacionalista lembrou que foi o seu partido o que logrou no 2009 incluír unha partida nos orzamentos de Costas para redactar o proxecto de construción dunha senda peonil entre A Barca e San Salvador, unha iniciativa que rematou esquecida nun caixón cando o Bloque perdeu representación en Madrid no 2015.

Da Silva foi tallante ao afirmar que "cando o BNG está en Madrid para tirar dos investimentos e das necesidades de Galiza, avanzan; e cando o BNG non está, non”. Por iso pediu a todos os veciños de Poio e da provincia que o próximo domingo metan no sobre a papeleta do BNG porque "sen maiorías absolutas nós imos utilizar a nosa representación no Congreso para esixir que os investimentos para Galiza sexan os axeitados”, remarcou.

A candidata nacionalista tamén se comprometeu a negociar unha localización alternativa para a subestación eléctrica de Bértola contra a que os veciños levan máis de dez anos loitando.

Despois de prometer apoio aos veciños unha vez que a vía xudicial queda esgotada, Da Silva criticou a postura de PSOE e PP e asegurou que só a presenza do BNG no Congreso é a única vía para que este tema volva estar na axenda política.