O BNG quere que o Concello condene o "trato degradante" da empresa Monbus ás familias de Poio

Poio
18 de outubro 2023

O BNG levará ao próximo pleno do Concello de Poio unha moción demandando melloras urxentes no transporte regular no municipio e quere que condene "o trato degradante da empresa Monbus ás familias de Poio"

Autobús de transporte público Mónica Patxot

O BNG levará ao próximo pleno do Concello de Poio unha moción demandando melloras urxentes no transporte regular no municipio e quere que condene "o trato degradante da empresa Monbus ás familias de Poio".

O texto da moción denuncia a "situación caótica" xerada a raíz do novo plan de transporte da Xunta, apuntando como principais eivas a eliminación de horarios, itinerarios e paradas que deixan as persoas usuarias sen un servizo "fundamental para vertebrar o país" e sen unha oferta alternativa "por parte de quen ten a competencia, a Xunta de Galicia".

A moción pon de manifesto os "evidentes incumprimentos" por parte da concesionaria Monbús e a "complicidade" da Xunta que, segundo o Bloque, non está esixindo que se respecten as condicións da adxudicación dun servizo que a empresa ten en réxime de "monopolio". 

A maiores, o BNG tamén incide nos problemas existentes co transporte do alumnado de estudos obrigatorios que veñen denunciándose periódicamente, así como a falta de prazas para o alumnado de Bacharelato que dado a falta de frecuencia de transporte regular non teñen posibilidade de trasladarse ao centro de ensino.

Así, a proposta de acordo esixe unha "urxente solución" por medio do "reforzo e adaptación de servizos en horas que demandan os colectivos de persoas usuarias" e, en segundo lugar, do mesmo xeito, demandan que se amplíen as frecuencias regulares no tramo horario de 8 a 9 horas, nas paradas máis confluídas, para poder dar resposta ao alumnado de Bacharelato que precisa desprazarse ao seu centro de ensino. 

E por último engaden ese chamamento ao pleno para condenar publicamente o "trato degradante" da empresa Monbus ás familias de Poio en relación aos feitos acontecidos o día 28 de setembro, "e que a Xunta de Galicia actúe para evitar que se repitan estas situacións no futuro".