O cambio de sentido do tráfico no paseo de Silgar entra en vigor o sábado

Sanxenxo
27 de xuño 2019

O Concello inviste 64.000 euros en mellorar o firme das estradas que conducen ata o paseo e na mellora da sinalización

Sanxenxo asfalta as carreteiras do centro antes do cambio de sentido das estradas Concello de Sanxenxo

A chegada do verán supón para Sanxenxo un incremento notable do tráfico de persoas e vehículos. Co obxectivo de mellorar a mobilidade no centro da vila turística e facilitar o acceso á zona comercial e hostaleira, o goberno local anuncia unha serie de cambios no sentido do tráfico rodado de varias rúas próximas ao paseo de Silgar que entrarán en vigor na madrugada do venres ao sábado.

O principal cambio de dirección afectará ao propio paseo de Silgar. Agora ten sentido de saída en dirección a Portonovo, pero a partir da madrugada do sábado cambiará de sentido nun tramo. Desde o cruzamento con Vidal Portela ata o porto, terá sentido de entrada e desde ese mesmo punto, o sentido será de saída cara á rotonda de Baltar.

Desde o Concello explican que o cambio facilitará a entrada ao porto da maioría dos vehículos que chegan a Sanxenxo pola vía rápida, virando na rúa Progreso para coller Castelao e baixar por Vidal Rocha e Silgar ata o aparcadoiro. 

O outro cambio substancial afecta á avenida de Madrid, ata agora só utilízase para acceder ao porto, co cambio pasará a ter dous sentidos en función do tramo. Será un vial de saída entre a confluencia con Silgar e a rúa dos Cesteiros e funcionará como estrada de entrada entre a confluencia coa rúa Progreso e a dos Cesteiros.

Os cambios de Silgar e a avenida de Madrid inflúen noutras rúas como Vidal Rocha e rúa Ourense que invisten as súas direccións actuais. Outras rúas como Luís Rocafort, rúa dos Cesteiros, Panadeira e Constitución conservan o seu sentido.

Antes da aplicación destes novos sentidos de circulación, o Concello destinou 64.000 euros á mellora do firme das rúas Castelao, Ourense e Luís Vidal Rocha. Ademais estanse levando a cabo traballos de instalación de nova sinalización, tanto horizontal como vertical, que permitirán unha mellor visualización das modificacións das direccións na vila.