O campo de fútbol de Marcón repetirá como circuito de Agility

Pontevedra
30 de outubro 2020

O Club Agility Patas organiza os días 14 e 15 de novembro unha proba puntuable para o campionato de España desta especialidade

Proba de 'agility' disputada en Marcón Cristina Saiz

Os cans máis áxiles do noroeste da península volverán exhibir as súas habilidades no campo de fútbol de Marcón os días 14 e 15 de novembro nunha nova proba de Agility puntuable para o campionato de España desta especialidade.

Despois do éxito do evento celebrado no mesmo escenario os días 17 e 18 de outubro, o Club Agility Patas e a Sociedade Canina Galega volverán organizar esta competición co apoio da Concellería de Promoción Económica.

A proba de Agility terá como xuíz principal a Juan Antonio Lazó e dará comezo ás 16 horas do sábado con dúas mangas de Agility e unha de Jumping. Ao día seguinte, en quenda de mañá volverá repetir o mesmo programa.

O prazo de inscrición manterase aberto ata as 13 horas do 11 de novembro cun máximo de 100 cans, entre os que se espera contar coa presenza dalgúns campións nacionais.