O Centro Histórico de Pontevedra, declarado Área de Rehabilitación Integral

Pontevedra
05 de outubro 2012

Con esta declaración, beneficiáranse as más de 1.500 vivendas emprazadas na Zona Monumental da cidade. Poderán acceder a axudas económicas para a súa rehabilitación

Vivenda en estado semiruinoso na rúa César Boente de Pontevedra

Pontevedra deixa de ser a única das sete grandes cidades cun centro histórico non declarado como Área de Rehabilitación Integral (ARI). O Instituto Galego de Vivenda e Solo, organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, ven de aprobar esta declaración, da que se beneficiarán as máis de 1.500 vivendas emprazadas na Zona Monumental da cidade.

A declaración desta nova área de rehabilitación permitirá aos propietarios de estas vivendas acceder a importantes axudas públicas para a súa rehabilitación. Ao mesmo tempo, o Concello de Pontevedra tamén se poderá beneficiar das axudas da Xunta de Galicia e o Ministerio de Fomento para a realización de obras de urbanización e reurbanización de espazos públicos.

En concreto, segundo a memoria achegada polo Concello de Pontevedra, na delimitación da área de rehabilitación do Conxunto Histórico existen 1.528 vivendas susceptibles de beneficiarse das axudas previstas. En total, o custe total da rehabilitación podería superar os 77 millóns de euros, dos que máis de 68 millóns de euros corresponderían á rehabilitación de vivendas e preto de 9,5 millóns de euros a obras de urbanización e reurbanización.

As axudas máximas que poderían destinarse ás actuacións de rehabilitación da nova ARI son de case 23 millóns de euros, dos que preto de 10 millóns de euros corresponderían ao IGVS e preto de 13 millóns ao Ministerio de Fomento. O Concello achegaría 4,3 millóns de euros para actuacións nos espazos públicos.

A tramitación da posta en marcha desta ARI remóntase a maio de 2011, cando o Concello de Pontevedra solicitou a declaración. Tras recibir toda a documentación complementaria, o IGVS actuou, segundo o goberno galego, "coa maior dilixencia posible para declarar a área de rehabilitación".

Para completar esta declaración como área de rehabilitación integral, aínda será necesario asinar os correspondentes convenios entre a Xunta de Galicia, o Concello de Pontevedra e o Ministerio de Fomento nos que se fixarán os obxectivos e as axudas máximas para as actuacións que se desenvolverán nos próximos anos.

Pontevedra era a única das sete grandes cidades galegas que non dispoñía de ARI no seu conxunto histórico. Contaba só coa área de rehabilitación de Estribela, declarada no 2007. Nos distintos convenios anuais incluíronse un total de 259 vivendas como obxectivos desta área de rehabilitación.