O CIM de Ponte Caldelas disporá dun servizo integral de asesoría legal

Ponte Caldelas
22 de decembro 2016

Ante a imposibilidade de continuar prorrogando o contrato de servizos coa avogada e a psicóloga que atendían o Centro Información á Muller de Ponte Caldelas, o goberno local tomou a determinación de contratar un servizo integral de asesoría legal para todos os veciños durante un día á semana

Vista aérea de Ponte Caldelas PontevedraViva

Ante a imposibilidade de continuar prorrogando o contrato de servizos coa avogada e a psicóloga que atendían o Centro Información á Muller de Ponte Caldelas, o goberno local tomou a determinación de contratar un servizo integral de asesoría legal para todos os veciños durante un día á semana. 

O servizo atenderá ás vítimas de violencia de xénero, pero tamén servirá para asesorar sobre todo tipo de cuestións de índole social como desafiuzamentos, reclamacións diante de compañías subministradoras, separacións, etcétera.

Este servizo, ademais, verase complementado pola pronta entrada en funcionamento doutro equipo de asesoramento para canalizar as reclamacións dos pensionistas que teñan cotizado no estranxeiro, atendendo así a unha casuística moi extendida en Ponte Caldelas e en toda a comarca.

En canto á atención psicolóxica, o Concello continuará atendendo ás persoas que a soliciten, previa cita e atendendo aos gastos de desprazamento ata que se despregue un servizo propio, acaído ás necesidades reais, ao longo do ano.

O equipo de goberno, composto por PSdeG-PSOE, AVP e BNG, optou por esta solución contando coa opinión dos técnicos municipais, que confirmaron a imposibilidade de volver prorrogar o "irracional contrato de servizos herdado do anterior goberno local".

Aínda máis, as dúas traballadoras presentaron demanda en vía laboral reclamando ben a indemnización, ben a súa consolidación como persoal laboral fixo. Esta segunda opción supuña para o Concello de Ponte Caldelas unha repercusión salarial bruta duns 60.000 euros ao ano, unha cifra totalmente inasumible, que, segundo o goberno local "descadraría a política de persoal e que, de feito, obrigaría a subir os impostos".