O colexio Sagrado Corazón cambia de donos tras case sete décadas

Pontevedra
28 de maio 2024

Os Misioneros del Sagrado Corazón, fundadores do centro educativo pontevedrés no ano 1956, anuncian a súa marcha porque "non temos persoal para atender de maneira eficaz este labor". A xestión do colexio asumiraa a partir do 1 de setembro a Fundación Educativa Jesuitinas

Instalacións do Colexio Sagrado Corazón de Jesús, en Pontevedra Colegio Plurilingüe Sagrado Corazón de Jesús de Pontevedra

Case sete décadas despois da súa fundación, o colexio Sagrado Corazón de Jesús cambia de donos.

Os Misioneros del Sagrado Corazón anunciaron este martes que, a partir do próximo 1 de setembro, deixarán de xestionar o centro educativo fundado por eles mesmos en novembro do ano 1956.

Decidiron, segundo explicaron nun comunicado, "retirarnos deste campo de misión educativa en Pontevedra" porque "non temos persoal para atender de maneira eficaz este labor".

Por iso, nun texto asinado polo Pai Francisco Blanco Martín, aseguran que "nos imos chorando. Facémolo por asegurar o futuro do colexio".

"Pasaron polas nosas aulas miles de alumnos e alumnas, miles de familias, centos de profesores e persoal non docente, así como empresas colaboradoras", sinala o responsable da congregación que lembrou que por este colexio pasaron "51 Misioneros do Sagrado Corazón e todos deixaron parte da súa vida nesta cidade e neste colexio. Algúns mesmo ata o fin dos seus días".

A partir do 1 de setembro o colexio pasará a estar xestionado pola Fundación Educativa Jesuitinas, creada pola Congregación das Fillas de Xesús. Trátase dunha entidade que dirixe 23 colexios en España, entre eles tres en Galicia en Vigo, A Coruña e Noia.

"Traballamos para deixarvos a mellor titularidade das posibles", afirman os Misioneros del Sagrado Corazón afirmando que "confiamos en que acertamos".

"As despedidas son difíciles. Por iso, hoxe, só podemos acabar dicindo adeus desde o corazón, coa tristeza de deixarvos e coa esperanza dun futuro mellor como este colexio e todos vós merecédesvos", conclúe o comunicado remitido polos responsables do centro educativo pontevedrés.

Nunha reunión con membros da comunidade escolar os reitores do Sagrado Corazón avanzaron que só cambiará a titularidade do colexio, estando prevista a subrogación dos contratos do persoal e o equipo directivo actual.