O Concello de Cuntis pon en marcha unha nova campaña con motivo da celebración do Día Internacional da Muller o vindeiro 8 de marzo.
Nesta ocasión fai fronte común co comercio local para desenvolver unha iniciativa propositiva de concienciación e sensibilización baixo o lema "+8M" que consistirá na colocación de carteis en forma de margarida con mensaxes positivas, inclusivas e integradoras que se exhibirán tanto nos establecementos comerciais da vila (comercios, salóns de peiteados, restaurantes, supermercados, etc.) como no mobiliario urbano e na Casa do Concello.
A campaña deste ano ten unha vertente dirixida á infancia e mocidade coa presentación e distribución do libro "O Soño da Praza das Árbores", subvencionado pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta a través dos fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Trátase dun volume orixinal e exclusivo do Concello de Cuntis.
O mesmo día 8 de marzo a administración local convida á vecuñanza a participar na concentración e lectura dun manifesto conmemorativo que terá lugar ás 12 da mañá diante do Concello, con pancartas e símbolos conmemorativos do 8-M.
O colofón a esta campaña de sensibilización terá lugar o sábado día 12 de marzo, coa representación da obra de teatro “Sen lingua” da compañía Serea Teatro no Centro Patelas ás 20:00 horas. A entrada é de balde.