O Concello de Pontevedra celebrou a "mudanza estética e amable" realizada na rúa Loureiro Crespo.
A céntrica rúa de Pontevedra, que forma parte dunha das arterias principais da cidade, comeza unha nova etapa logo das actuacións realizadas ao longo dos últimos meses.
Este venres houbo unha serie de actividades para a veciñanza, animando a coñecer de primeira man os cambios, mais tamén animando a coñecer os negocios que aquí están.
Co lema "A xente fai o barrio" remarcouse esa idea sempre transversal no Concello que é a de "poñer as persoas no foco dos proxectos, creando unha cidade mellor, unha cidade para as persoas".
O programa deu comezo ás 17 horas, cun obradoiro infantil "Coidemos o noso barrio", realizado pola asociación O Galpón Lab, residente deste barrio. Foi na rúa José Adrio Barreiro, e tivo como base o deseño de grilandas e elementos decorativos efémeros para embelecer o espazo común.
A partir das 18 horas, o barrio amenizouse cos pasarrúas a cargo do grupo de Gaitas e Pandeiretas da Asociación Dúos Pontes.
Ás 19 horas foi realizada unha visita institucional na que se inaugurou a placa conmemorativa da transformación da rúa na intersección de Loureiro Crespo con Casimiro Gómez.
Participaron neste acto o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, o concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, e a presidenta da Asociación de Comerciantes de Loureiro Crespo, María Diz Rey.