O Concello de Poio asume a reparación de deficiencias en Anafáns pola inacción de Sanidade

Poio
21 de agosto 2020

O goberno local pon en marcha a renovación da cuberta e a instalación de novo pavimento no centro de saúde de San Salvador e denuncia o "abandono" por parte da Xunta

Obras de acondicionamento no centro de saúde de Anafáns promovidas polo Concello de Poio Concello de Poio

O Concello de Poio asume a realización dunha serie de obras de mellora no centro de saúde Anafáns consistentes no arranxo da cuberta, a instalación de tarima flotante na sala das matronas e un novo chan para a sala de médicos.

A concelleira de Obras, Chelo Besada, sostén que o Concello vese obrigado a realizar estas obras, que son competencia de Sanidade, despois das demandas dos pacientes e os profesionais. "Os traballos de mantemento corresponden ao Concello, pero esta actuación excede as nosas competencias", remarcan desde o goberno local, que lamenta o "abandono e falta de interese" por parte da Xunta.

Estas deficiencias que están a ser emendadas polos operarios municipais súmanse ao problema crónico das esperas que se producen neste centro de saúde, que poden chegar a prolongarse durante máis dunha semana. "A veciñanza está a pagar o desinterese do Goberno en dotar a Poio do servizo sanitario que merece", denuncian.