O Concello de Poio non consegue a subvención para facer obras en Viñas, As Laxes, Tarrío e Arén

Poio
29 de xuño 2023

O novo Goberno local cuestiona que "o anterior concelleiro de Urbanismo, que tamén é o deputado provincial delegado deste plan da Deputación, foi incapaz de presentar un proxecto que cumprise coa puntuación mínima para acadar este investimento"

Casa do Concello de Poio PontevedraViva

O proxecto do Concello de Poio para recuperar os espazos públicos e mellorar a mobilidade peonil no entorno dos núcleos de Viñas e As Laxes non acadou a puntuación mínima esixida nas bases do Programa Provincial PON2030, da Deputación de Pontevedra.

O alcalde de Poio, Ángel Moldes, amosou a súa sorpresa ao recibir a noticia do rexeitamento dunha subvención "que o anterior Goberno local e, en concreto, o anterior concelleiro de Urbanismo, Gregorio Agís, daba por feito e anunciou aos veciños durante a campaña electoral". 

Pero, ademais, o alcalde cuestiona que o edil socialista, "que tamén é o deputado provincial de Infraestruturas ata que cambie o Goberno provincial a próxima semana", fose "incapaz de presentar un proxecto que cumprise coa puntuación mínima necesaria para acadar este investimento". 

"Era o responsable no Concello de Poio e na Deputación de Pontevedra desas áreas, é incrible que presentase un proxecto que non estivese á altura, que incumpra as bases que foron elaboradas polo seu departamento e que quede excluído dos investimentos deste plan provincial", lamenta o alcalde.

O proxecto, que ascendía a un millón de euros, dos que o Concello de Poio tería que aportar o 20%, consistía en mellorar as rúas Travesía Porteliña, Viñas, Camiño Poio de Arriba, Camiño Laxes e Praza de Laxes. 

Agora, sinala Moldes, "teremos que explicarlle aos veciños que o anterior Goberno local fixo con eles o conto da leiteira: vendeulles unas obras e unhas melloras que agora nos denega a Deputación de Pontevedra porque non se presentou un proxecto á altura do que requirían".