O Concello de Pontevedra activa a Oficina Supera a partires da vindeira semana

Pontevedra
13 de marzo 2021

Comezará a operar con asesoramento sobre a liña de axudas a ordenadores e prevé incorporar novos recursos para axilizar os trámites, como a instalación dun rexistro propio e unha plataforma de intermediación de datos

Oficinas do Concello de Pontevedra para a xestión das axudas do Plan Supera Mónica Patxot

A oficina municipal Supera, situada na rúa Dona Tareixa, volve activarse a partires do luns para ofrecer información e asesoramento de cara as liñas de axudas que se vaian activando no marco do Plan Supera 21.

A concelleira de Réxime Interior, Anabel Gulías, realizou unha visita este venres ás instalacións e anunciou que a partires do luns xa comezará a operar, nun primeiro momento, atendendo á convocatoria da liña de subvención de ordenadores, para o que seguirá activa a liña telefónica 681 26 48 35. 

A partires do luns activaranse máis liñas de teléfono e tamén o sistema de cita previa. 

Anabel Gulías tamén avanzou que se implementarán novos recursos de cara a "axilizar as xestión e que os procesos sexan máis rápidos e eficientes" e evitanto determinados trámites intermedios ás persoas solicitantes. Así, explicou que, dunha banda, se instalará un rexistro propio para a oficina Supera, o que evitará que as persoas solicitantes teñan que ir ao Rexistro Xeral do Concello.

Doutra banda, tamén se está traballando para habilitar a 'plataforma de intermediación de datos' que permitirá cruzar datos con plataformas das Administracións estatais e autonómicas sen necesidade de que sexa a cidadanía quen o faga.

Anabel Gulías indicou durante a visita que "a reactivación desta oficina, que xa xestionara as axudas do Supera20, vai permitir seguir reforzando o compromiso que ten o Concello coa sociedade pontevedresa para saír adiante todos e todas xuntas destas circunstancia".

Neste sentido, asegurou que "se vén por diante moito traballo e moi intenso" co obxecto de acadar unha xestión "o máis eficaz e eficientemente posible e como sempre ofrecer saída da crise co Plan Supera que suma máis de 100 millóns de euros en diferentes liñas de axudas e diferentes investimentos públicos".