O Concello de Pontevedra presenta aos colectivos veciñais e ao CES os orzamentos do 2021

Pontevedra
29 de decembro 2020

As contas estarán divididas en dúas fases, a primeira que supera os 80 millóns; e a segunda, que chegará no mes de abril, con 20 millóns procedentes dos remanentes do 2020

Presentación dos orzamentos do 2021 do Concello ás federacións vecinais de Pontevedra Concello de Pontevedra

O Concello de Pontevedra iniciou este martes o proceso de participación dos orzamentos municipais do 2021 coas federacións veciñais Castelao e Teucro. Unha serie que continuou pola tarde coa reunión do Consello Económico Social, no que están representadas as entidades empresariais, sociais e políticas do municipio.

O concelleiro de Economía e Facenda, Raimundo González, acompañado pola portavoz do goberno local, Anabel Gulías, expuxeron as liñas básicas do orzamento para o próximo ano.

Explicaron que se fará un orzamento en dúas fases co obxectivo de iniciar a recuperación económica post- covid. A primeira corresponde ao documento que se lle presentaba este martes, que supera os 80 millóns de euros; e a segunda chegará sobre o mes de abril, cando se incorporen os remanentes de tesourería liquidados das contas do 2020, uns 20 millóns de euros.

Respecto diso da reunión veciñal, o Concello quedou comprometido a volver reunirse na segunda quincena de febreiro para abordar outras demandas concretas que se poderán incorporar á segunda fase do documento.