O Concello de Sanxenxo perde no Supremo o recurso polo proxecto urbanístico de Monte Faro

Sanxenxo
04 de xullo 2016

O alto tribunal rexeitou o recurso de casación presentado pola Administración local contra a sentenza previa do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que anulou o proxecto urbanístico para construír 1.302 vivendas unifamiliares en Monte Faro, en Noalla

Exteriores da casa consistorial do Concello de Sanxenxo Mónica Patxot

Nova derrota xudicial do Concello de Sanxenxo en materia urbanística. O Tribunal Supremo rexeitou o recurso de casación presentado pola administración local contra a sentenza previa do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que anulou o proxecto urbanístico para construír 1.302 vivendas unifamiliares en Monte Faro, en Noalla. 

O TSXG ditou unha sentenza en febreiro de 2015 invalidando a aprobación definitiva do Plan Parcial do Chan Urbanizable número 14, isto é, o proxecto para urbanizar a cima de Monte Faro. O Concello, como administración afectada porque aprobara o plan urbanístico no ano 2009, presentou un recurso ante o Tribunal Supremo, pero non se admitiu, o que implica que se confirma a sentenza previa. 

Esta nova sentenza volve dar a razón ás teses do Colectivo Ecoloxista do Salnés, que empezou a batalla no ano 2010 e levou ata o TSXG o recurso contra o acordo do 28 de xullo de 2009 do Concello de Sanxenxo, cando gobernaba o PP con Catalina González como alcaldesa.

O Supremo, do mesmo xeito que antes o TSXG, anula o plan urbanístico alegando motivos paisaxísticos contra o proxecto da empresa Miradoiro de Sanxenxo, que contaba cun ditame negativo da memoria ambiental que non recomendaba o proxecto polo seu impacto paisaxístico, pero foi igualmente aprobado polo pleno da corporación.

"Non é aceptable que corresponda ao órgano promotor (...) cualificar as súas propias solucións ambientais -movidas obviamente polo lóxico desexo de mantemento por forza do plan parcial sometido a avaliación- como mellores que as ofrecidas na Memoria ambiental ou suficientes para enervar o efecto adverso dun informe desfavorable", indica o Supremo