O Concello, disposto a incluír Lepanto nun próximo ciclo de obras

Pontevedra
29 de setembro 2017

Lepanto entra, por fin, nos plans do goberno municipal. O concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, anunciou este venres que se reunirá a próxima semana con veciños desta céntrica rúa da cidade para coñecer as súas propostas para a reforma urbana do viario e estudar a súa incorporación ao plan de obras municipal

Rúa Lepanto
Rúa Lepanto / Mónica Patxot

Lepanto entra, por fin, nos plans do goberno municipal. O concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, anunciou este venres que se reunirá a próxima semana con veciños desta céntrica rúa da cidade para coñecer as súas propostas para a reforma urbana do viario e estudar a súa incorporación ao plan de obras municipal.

O goberno municipal busca analizar "en que orde e en que maneira" poderase incluír esta reforma urbana no calendario de actuacións que manexa o Concello.

"Non quere dicir que vaiamos a comezar o mes que vén con elas, pero precisamos coñecer que é o que propoñen para ir avanzando na incorporación da rúa á reforma urbana", explicou o edil do BNG.

Demetrio Gómez recoñeceu que este proxecto hai que estudalo ben "porque hai moitas cousas por facer", ao lembrar que están "bastante avanzados" os traballos para completar o eixo que forman as rúas San Antoniño, Benito Corbal e Joaquín Costa "e as conexións entre elas" como Blanco Porto, Javier Puig e a propia Lepanto.

Desde o goberno municipal aseguran que esta actuación, do mesmo xeito que o resto que se realizan na cidade, "hai que programalas". Unha vez realizada unha análise das necesidades da zona decidirán se a obra se asume "dentro de catro ou cinco meses ou ou ano que vén".

Este proxecto, en todo caso, estará condicionado pola reforma que a Xunta de Galicia proxecta para a súa antiga delegación en Benito Corbal. "Vai a influír porque a reforma ten que ser integral", explicou o responsable municipal de Obras.

"Haberá que estudar todas as necesidades e en función de todo iso decidiremos en que forma actuaremos", concluíu.