O Concello estuda a organización dun congreso sobre enfermidades neuromusculares

Pontevedra
12 de novembro 2019

A  concelleira de  Benestar Social, Paloma Castro, mantivo unha reunión cos directivos da Asociación Galega Contra as Enfermidades Neuromusculares (Asem) para perfilar un acordo de colaboración

Reunión da concelleira Paloma Castro con directivos de Asem Concello de Pontevedra

A concelleira de Benestar Social do Concello de Pontevedra, Paloma Castro, segue coa súa rolda de contactos con diversos colectivos da cidade. Despois de facer público o seu compromiso de incrementar a colaborción coa asociación Juan XXIII, a edila fixo o propio este martes coa Asociación Galega contra as Enfermidades Neuromusculares (Asem Galicia). 

A primeira medida adoptada polo goberno local pasa pola implicación do Concello nos actos de conmemoración do día nacional destas patoloxías, que será o 15 de novembro, coa iluminación da fachada da Casa do concello con luz vermella na noite do venres ao sábado.

A cooperación con Asem Galicia, que acaba de abrir a súa primeira sede en Pontevedra nas oficinas do antigo edificio da Xunta en Benito Corbal, foi ratificada durante un encontro que Castro mantivo co presidente do colectivo, Manuel Rego; e outros membros da directiva.

A posibilidade de organizar un congreso para dar a coñecer a realidade e necesidades das persoas que sofren este tipo de enfermidades e das súas familias foi unha dos plans expostos nesta primeira toma de contacto.