O Concello estuda fórmulas para mellorar e aumentar a eficacia do tratamento e xestión de residuos

Poio
23 de novembro 2022

A Administración local contratou a realización deste estudo a unha empresa especializada, a través dunha achega obtida da Deputación de Pontevedra polo Plan Revitaliza

Casa do Concello de Poio PontevedraViva

O Concello de Poio, a través da Concellería de Servizos Municipais, continúa a traballar de cara a adaptar as ordenanzas de servizos e fiscais locais no que se refire ao tratamento e xestión de residuos, de cara a dar cumprimento aos obxectivos que constan na normativa autonómica, así como na estatal e na europea.

O concelleiro responsable do departamento, Julio Casás, lembra que a Administración local procedeu á elaboración dun estudo técnico sobre xestión e prevención de residuos municipais para acadar esas metas. Para iso, contratouse á empresa especializada Enxamio Ingeniería Industrial, que nos vindeiros días dará a coñecer os resultados e as conclusións do devandito estudo.

Casás explica que, para poder realizar estas xestións, o Concello contou cunha subvención obtida a través do Plan Revitaliza, da Deputación de Pontevedra. 

Con respecto ao estudo, Julio Casás sinala que a empresa levou a cabo "un traballo de campo moi amplo, con entrevistas a produtores locais e revisión das rutas de recollida e emprazamento dos contedores de lixo". Ademais, tamén se estudaron posibles alternativas e propostas para que o servizo sexa o máis eficaz posible e se optimice ao máximo tanto desde o punto de vista medio ambiental como económico, "adaptándonos en todo momento ás esixencias que establecen as normativas nesta materia".