O Concello estuda non cobrar os veladores á hostalería pero non baralla suspender outros impostos

Pontevedra
09 de novembro 2020

O goberno municipal opta, segundo a súa portavoz, por aumentar o gasto público "o máximo posible" e contribuír a reactivar a economía municipal mediante a contratación de obras, aumentar os pagos a provedores ou a organización de eventos culturais

Terraza dun establecemento de hostalería en Pontevedra
Terraza dun establecemento de hostalería en Pontevedra / Mónica Patxot

O goberno municipal de Pontevedra anunciou este luns que, do mesmo xeito que ocorreu durante o primeiro estado de alarma pola covid-19, estuda non cobrar aos hostaleiros da cidade a taxa de veladores durante o tempo que lles obriguen a estar pechados polas restricións.

A Xunta, polo momento, decretou o seu cesamento de actividade -salvo servizo a domicilio- ata o próximo 4 de decembro, polo que o Concello non lles cobraría a parte correspondente a este mes no que non poderán traballar con normalidade.

A portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, sinalou que o Concello "traballará na mesma liña" que durante a pasada primavera e salvo esta bonificación nos veladores non baralla modificar ningún dos demais impostos.

"Temos que ser equitativos e hai moitos sectores que o están a pasar mal", apuntou Gulías, que lembrou que co peche da hostalería tamén se ven afectados, por exemplo, os provedores destes establecementos.

O goberno municipal opta, segundo a súa portavoz, por aumentar o gasto público "o máximo posible" e contribuír a reactivar a economía municipal mediante a contratación de obras, aumentar os pagos a provedores ou a organización de eventos culturais.

Ademais, aprobarase unha nova liña de axudas, con carácter finalista, para os sectores máis afectados pola pandemia. Serán subvencións similares ás xa incluídas no programa Supera20, ao que se destinaron 1,25 millóns de euros.