Os técnicos xa poden empezar a inspeccionar os antigos terreos de Tafisa para comprobar se as obras de urbanización realizadas polo Grupo Lar cumpren os requisitos esixidos polo Concello de Pontevedra. Tras esa inspección, se os informes son favorables, o Concello recibirá a urbanización, que abrangue unha superficie próxima aos 120.000 metros cadrados.
O concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, remitiu unha comunicación aos técnicos municipais e das empresas concesionarias de servizos para inspeccionar as obras. Deberán verificar se están adaptadas ao proxecto de urbanización, valorado en 4,2 millóns de euros. Ademais, deberán valorar as melloras introducidas durante a execución e calcular a súa repercusión no marco do convenio asinado con Tafisa, polo que a empresa se comprometeu tamén a entregar ao Concello 1,3 millóns de euros para obras no entorno.
O último prazo concedido pola Concellería de Urbanismo para realizar as obras de urbanización concluíu este mércores 15 e xa un día antes a promotora Pontelérez, do Grupo Lar, presentou un escrito comunicando o remate das últimas actuacións de xardinería e plantación de céspede, así como o certificado final de obra. Solicita tamén o inicio do procedemento de recepción.
A empresa xa tiña solicitado a recepción a mediados de 2013, pero aUrbanismo denegouna porque as obras non estaban rematadas ao non terse acondicionado a zona verde situada a carón do Estadio da Xuventude e non terse executado un camiño peonil. O departamento municipal outorgou un prazo ata o pasado 28 de febreiro para a realización destas dúas actuacións, pero a empresa reclamou unha prórroga para poder sementar o céspede en condicións meteorolóxicas axeitadas. A concellería concedeu un novo prazo de 15 días hábiles que é o que ven de finalizar.