O Concello prioriza o pago a provedores mentres estuda a concesión de axudas para as empresas locais

Pontevedra
25 de marzo 2020

O executivo pontevedrés considera que dotar de liquidez ás empresas que traballan co Concello é "moi importante para a economía" da cidade

Unha terraza da cidade de Pontevedra
Unha terraza da cidade de Pontevedra / Alejandro Vila

O cesamento de actividade das empresas como consecuencia do Estado de Alarma decretado polo Goberno para combater a crise do coronavirus está a obrigar ás distintas administracións a adoptar medidas extraordinarias para axudar ás empresas e facilitar a súa supervivencia. E no Concello de Pontevedra non son alleos a esta situación. "Estamos a tratar de sacar adiante as contratación de material e persoal necesario para a xestión da crise así como o pago a provedores para dotar de liquidez á economía local, moi importante nestes momentos", explican desde o goberno local.

Con todo, diversos colectivos de empresas e tamén autónomos e emprendedores relacionados co comercio e a hostalería da cidade manifestaron a necesidade de contar con moratorias no pago de taxas e impostos municipais. "Xa se tomáron medidas sobre o imposto de vehículos, así como as taxas de mercados porque a súa aplicación era inminente. Do resto, o Concello está a estudar todas as posibilidades na medida en que ou permita a crise sanitaria", sinalan en referencia ás peticións do empresariado local.

Así mesmo, esperan tamén instrucións de organismos supramunicipais como a Fegamp ou a Femp para realizar unha acción conxunta en todo o territorio.

Deste xeito, os empresarios, que xa fixeron chegar as súas peticións aos membros do goberno local, mantéñense á espera para saber se as súas reivindicacións, entre as que está a suspensión da cobranza da taxa de terrazas ou unha revisión das taxas de auga e lixo, serán atendidas.