O Concello volverá sortear tarxetas agasallo para consumir nos negocios de Marín

Marín
18 de novembro 2022

A campaña, centrada nas datas do Nadal, arrancará o 1 de decembro ata o 15 de xaneiro

Pago con tarxeta nun comercio
Pago con tarxeta nun comercio / Mónica Patxot

O Concello de Marín quere "volver premiar á veciñanza que é fiel á economía local da nosa vila, facendo as súas compras e consumicións aquí, e animar a outros a que o fagan", explican fontes municipais.

Deste xeito, o Concello pon de novo en marcha a campaña de sorteo de 100 tarxetas agasallo por valor de 50 euros.

Para participar, será preciso realizar compras nos comercios de Marín ou consumir nos establecementos hostaleiros por valor superior a 30 euros, ben cun só ticket ou cunha agrupación de varios, entre o 1 de decembro e o 15 de xaneiro. Estarán exentas as farmacias, gasolineiras e os supermercados.

Os tickets terán que depositarse no buzón que se habilitará na Oficina de Turismo da Praza de España cos seguintes datos no reverso: nome e apelidos da persoa participante, DNI e número de teléfono. Os tickets terán que ser orixinais, "polo  que xa avisamos de que se alguén o precisa para devolucións ou garantías, terá que pedir un duplicado", explican desde o Concello.

O 17 de xaneiro, ás 12.00 horas, terá lugar o sorteo no Salón de Plenos para coñecer aos gañadores destas 100 tarxetas.

As persoas agraciadas serán citadas telefonicamente para a recollida das Tarxetas Agasallo na Oficina de Turismo situada na Praza de España durante os días 19 e 20 de xaneiro, en horario de 11:30 a 20:30 horas, confirmando os datos coa presentación do DNI da persoa gañadora.

Terán que gastalas tamén na economía local de Marín ata como máximo o 31 de marzo de 2023.