O Concello xa ten os terreos para reformar a PO-234 no treito de Cotobade

Cerdedo Cotobade
11 de novembro 2016

Os terreos necesarios para afrontar a mellora da PO-234, no treito que pasa por Cotobade, xa son de propiedade municipal. Así o comunica o Concello de Cerdedo-Cotobade tras asinar todas as cesións de terreos cos propietarios afectados pola obra nesta estrada

Xuntanza dos afectados pola PO-234 cos alcaldes de Cotobade e Ponte Caldelas
Xuntanza dos afectados pola PO-234 cos alcaldes de Cotobade e Ponte Caldelas / Plataforma de afectados da PO-234

Os terreos necesarios para afrontar a mellora da PO-234, no treito que pasa por Cotobade, xa son de propiedade municipal. Así o comunica o Concello de Cerdedo-Cotobade tras asinar todas as cesións de terreos cos propietarios afectados pola obra nesta estrada.

O Concello xa dispoñía do documento formal de cesión por parte da comunidade de montes de Augasantas, que era o principal afectado e que aprobou este acordo o pasado mes de xullo, e o presidente, Jorge Cubela, xa conseguira de palabra a consecución das parcelas privadas dende hai bastantes semanas.

Agora, grazas a colaboración da asociación de veciños e dos comuneiros de Augasantas, presididas por Lino Morales e Nicasio Rivas, xa se conta cos escritos formais de todos estes particulares afectados pola mellora integral desta estrada.

Cubela explicou que, malia a vontade dos veciños, este tipo de procesos de cesión de terreos "sempre son farragosos para acadar todos os escritos, porque non pode faltar ningún, pero xa temos toda a documentación".

Así, explicou que os terreos xa están oficialmente en posesión do Concello, que é un dos requisitos esixidos pola Xunta, xa que non se quería afrontar un longo proceso de expropiacións que adiaría a obra.

Segundo sinalou Cubela, esta documentación da posta a disposición das parcelas afectadas remitirase a vindeira semana á Consellería de Infraestruturas, que ten consignados máis de 600.000 euros nos seus orzamentos para acometer esta primeira fase no treito cotobadés de Augasantas.

Ademais, instou ao Concello de Ponte Caldelas a acometer con celeridade o mesmo proceso, "xa que hai un firme compromiso da Xunta de mellorar este vial canto antes en dúas fases". 

Nesta liña, demandoulle a Andrés Díaz, "que faga exactamente o mesmo que Cotobade e chegue a un acordo cos veciños para a cesión gratuíta de terreos" e asegurou que tanto o seu executivo como todos os veciños "somos os máximos interesados en que se acometa toda a obra, aínda que sexa en dúas fases, porque para nós non é operativo que só se faga un treito, xa que non nos permite completar unha boa comunicación con Laxoso e Ponte Caldelas".

Arquivado en