O desdobramento da Avenida de Vigo avanza a bo ritmo coa vista posta na primavera

Pontevedra
15 de xaneiro 2015

O alcalde de Pontevedra e o concelleiro de mobilidade percorreron, baixo o temporal, un tramo da obra nas proximidades á avenida da Estación onde está prevista a creación dunha rotonda de grandes dimensións coa eliminación dos aparcamentos en batería

Visita do alcalde de Pontevedra ás obras do desdobramento da avenida de Vigo Mónica Patxot

As obras de construción do vial de desdobramento da Avenida de Vigo agárdase finalizarán en xuño deste ano, segundo as previsións que manexa o concelleiro de Mobilidade, Luis Bará, que en compañía do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, visitou esta zona de obras durante este xoves 15.

Segundo explicou Fernández Lores, en abril a obra estará moi avanzada e sinalou que xa se está a iniciar a mellora da avenida da Estación onde se creará unha rotonda de grandes dimensións ante a galería Jaime Trigo. Nese punto eliminaranse varias prazas de aparcadoiro en batería. Durante os próximos meses tamén se mellorará o camiño de terra que conecta Luis Seoane coas proximidades da estación de autobuses, o paso inferior, o paseo que se creará ao longo do río dous Gafos ata o Nó do Pino cunha pasarela de madeira. A última fase das obras será a mellora do primeiro tramo da Avenida de Vigo que se acometería antes de setembro, mes en que está previsto o final de todos os traballos.

Segundo indicou o alcalde de Pontevedra, esta obra supoñerá "unha mellora de toda a zona" e sinalou os arranxos de seguridade viaria, a instalación de gabias con árbores, a mellora de mobilidade e de calidade urbana para este ámbito da cidade que tamén contará con pasos elevados para regular a velocidade do tráfico.

Luis Bará apuntou que o descarte por parte da Xunta de Galicia da opción de conectar a estación de autobuses co Nó do Pino permitiu que os investimentos, de ao redor de 1,2 millóns de euros, fosen destinados a estas melloras nas rúas próximas ao novo vial. En todo caso, o concelleiro non descartou que se acometa a conexión directa coa estación de autobuses nun futuro.

O desdobramento da Avenida de Vigo contará con tres carrís e a Avenida de Vigo quedará só cun carril de saída cando finalicen todos estes traballos