A agresión sufrida en marzo de 2020 por Manuel Fariña, portavoz do BNG en Caldas de Reis, chegará a xuízo esta semana. O empresario sospeitoso da agresión sentará no banco dos acusados do Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción número 1 da localidade este martes.
A información deuna a coñecer a propia vítima, Manuel Fariña, que indicou que o xuízo está previsto para as 13.00 horas deste martes 15 de xuño.
Fariña xa avisou: "non me van amedrentar nin con ameazas nin con agresións". Ademais, reafirmou que ten "un compromiso adquirido" cos seus veciños e veciñas de Caldas para "traballar por un concello mellor" e iso levarao a seguir denunciando "cantas agresións sufra o noso medio ambiente", ata que as administracións competentes "deixen de facer ouvidos xordos e mirar cara outro lado e afronten con decisión o problema".
O concelleiro foi agredido despois de denunciar verteduras ilegais de entullos nun monte de Saiar e vincula o ataque do empresario acusado con esta denuncia co seu papel na "defensa do medio ambiente e dos intereses dos veciños e veciñas de Caldas".
Así, segundo a información facilitada por no seu día polo BNG, o empresario presuntamente responsable das verteduras foino buscar á casa para ensinarlle a zona do monte na que se realizaron as verteduras.
A agresión produciuse no propio monte o 5 de marzo de 2020. Unha vez que Manuel Fariña constatou que a vertedura seguía, o outro home alporizouse, empezou unha discusión que foi subindo de ton e finalmente deulle unha puñada e tirouno ao chan.
Despois da agresión, o agredido alertou a unha ambulancia, que o trasladou ao Hospital Montecelo para ser atendido. Presenta danos nun nocello e feridas nas costas.