O estudo para o transporte a demanda en Pontevedra estará feito a finais de 2021

Pontevedra
05 de outubro 2020

A UTE formada por MCRIT SL e Seteoitavas Sociedade Cooperativa Galega será a encargada de realizar o estudo previo e a proposta de explotación deste servizo de transporte a demanda. Será a través dunha asistencia técnica pola que cobrarán 76.683,75 euros

Autobús de transporte público Mónica Patxot

O Concello de Pontevedra segue a avanzar no deseño do transporte colectivo a demanda que se prevé implantar no municipio, especialmente para mellorar as conexións entre as quince parroquias do rural e o centro urbano. 

A UTE formada por MCRIT SL e Seteoitavas Sociedade Cooperativa Galega será a encargada de realizar o estudo previo e a proposta de explotación deste servizo de transporte a demanda.

Será a través dunha asistencia técnica pola que cobrarán 76.683,75 euros. Ademais, ofreceron melloras por algo máis de 37.500 euros, que se refiren ao grao de definición dos contidos e obxectivos do contrato.

A portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, celebrou este "paso adiante" que dá este proxecto. Se se cumpren os prazos previstos, o estudo tería que estar rematado a finais de 2021, ao ter un prazo de execución de doce meses.

Gulías lembrou que para o goberno local "é prioritario" avanzar nunha liña de transporte a demanda para favorecer a conectividade das zonas rurais coa cidade. Este estudo, engadiu, servirá destacar cales son as necesidades á hora de implementar o servizo.

O estudo permitirá analizar o comportamento da mobilidade nas parroquias de cara a deseñar solucións acaídas, tanto na fórmula técnica como nas fórmulas legais, dándolle encaixe dentro da lexislación do Estado español, da lexislación galega e tamén da europea.

O transporte colectivo a demanda que prevé implantar Pontevedra é un dos programas incluídos na Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible (EDUSI) presentada por Pontevedra aos fondos europeos de desenvolvemento rexional.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora