O gastromercado reabre con aforo restrinxido, seis postos abertos e un único acceso

Pontevedra
23 de maio 2020

Coa entrada de Pontevedra na fase 2 da desescalada, o gastromercado da praza de abastos retomará a súa actividade. Será a partir do martes 26 de maio. Iso si, esta nova etapa virá acompañada de novidades para adaptar o espazo ás recomendacións sanitarias

Espazo gastronómico do mercado municipal de Pontevedra Mónica Patxot

Coa entrada de Pontevedra na fase 2 da desescalada, o gastromercado da praza de abastos retomará a súa actividade. Será a partir do martes 26 de maio. Iso si, esta nova etapa virá acompañada de novidades para adaptar o espazo ás recomendacións sanitarias.

Así, segundo informou o Concello, haberá aforo máximo de 100 asentos, un 40% da súa capacidade total, e terá seis establecementos abertos: Olmos Gastrobar, Bar La Plaza, Umami Poke, Merluzateca, Nasa e A Viñoteca.

Deste xeito, haberá un máximo de 48 cadeiras para a zona da terraza central, 24 para a da galería que dá á avenida de Bos Aires, dez para cada unha das cafeterías (Olmos e La Plaza) e catro en cada un dos laterais adxacentes ás escaleiras de baixada e de subida.

Ademais das restricións de aforo, establecerase un único acceso polas escaleiras da entrada principal, cara a rúa Serra, empregándose as do lado dereito para subir e as da esquerda para baixar e quedando pechadas o resto de escaleiras do edificio.

Só poderá utilizarse o ascensor da dereita, que ao igual que os aseos terá unha ocupación máxima dunha persoa e haberá dispensadores de hidroxel tanto na entrada como nos aseos.

O horario de atención ao público será de 11:00 a 16:30 horas os martes, mércores e xoves, e de 11:00 a 16:30 e 19:00 a 00:00 horas os venres e sábados. Na xornada do domingo, os clientes poderán acudir entre as 12:00 e as 16:30 horas.

Esta nova etapa irá acompañada non só dunhas estritas normas de hixiene e prevención, senón tamén dunha renovación e unificación da imaxe das dúas plantas da praza en base ao concepto 'Sabores', coa instalación de carteis informativos e de adhesivos para o chan e aplicacións colgantes que marcarán os itinerarios para os clientes.

Esta nova imaxe, segundo explica a edil de Promoción económica, Yoya Blanco, é unha aposta visual "chea de vida, colorista e desdramatizada".

Con esta filosofía desenvolveuse un argumento en base ao concepto 'Sabores', que unifica ambas áreas, adaptándoo ás circunstancias que se derivan de cada actividade.

Para a hostalería tradúcese en 'Camiño de Sabores', pois traza un roteiro que os visitantes deben seguir nunha soa dirección para non cruzarse, e para as bancadas e postos de venda directa en 'Aquí hai Sabores', explica a concelleira socialista.

A partir desta idea básica, deseñáronse adhesivos para o chan e aplicacións colgantes con forma de corazón e aspecto colorista, o que, segundo subliña Blanco, "simboliza o estado de certa ledicia co que imos afrontar a nova normalidade".

Asemade, instalarase carteis coas medidas contra a COVID-19, os límites de aforo e os sentidos de circulación de entrada e saída.