O goberno local denuncia un pacto da oposición para atacar o modelo urbano e o plan de compostaxe

Pontevedra
09 de decembro 2016

A alcaldesa de Pontevedra en funcións, Carme da Silva, sinalou que "temos coñecemento de que está a haber reunións dos outros grupos para chegar a un acordo para facer unha especie de goberno paralelo" o propósito deste pacto, segundo dixo, sería dirixir as súas emendas contra os alicerces centrais do programa de goberno do BNG

Carme da Silva, concelleira de Seguridade Cidadá de Pontevedra
Carme da Silva, concelleira de Seguridade Cidadá de Pontevedra / Mónica Patxot

O grupo municipal do Partido Popular acaba de presentar tres emendas parciais ao orzamento municipal nas que pide a rebaixa do Imposto de Bens Inmobles (IBI), unha partida para a implantación do transporte colectivo urbano de viaxeiros e o incremento dos fondos destinados á aprobación incial do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).

A rebaixa do IBI pedida polo PP restaría un millón de euros das arcas municipais que se detraerían das melloras previstas para accesibilidade urbana e iluminación pública, a cantidade que o PP quere destinar ao transporte urbano roza os seiscentos mil euros e dedicaríanse outros trescentos mil para o PXOM, que se obterían da partida dedicada a composteiros e recollida selectiva.

A alcaldesa de Pontevedra en funcións, Carme da Silva, sinalou que a clave non é o destino destas emendas senón o que pretenden que se deixe de facer, é dicir, o problema é que estas emendas "atacan aos eixos centrais deste goberno" recortando as partidas destinadas á compostaxe e ao modelo de cidade. 

"Van a por un proxecto que nos converte en referente internacional", afirmou a alcaldesa en funcións.

Pero Carme da Silva foi máis aló e asegurou que "temos coñecemento de que está a haber reunións dos outros grupos para chegar a un acordo para facer unha especie de goberno paralelo" o propósito deste pacto, segundo dixo, sería dirixir as súas emendas contra os alicerces centrais do programa de goberno do BNG.

Desde o Partido Socialista, o portavoz municipal, Tino Fernández dixo "non ter coñecemento destas historias, que aínda que fosen certas non terían nada de malo" e acusou o Bloque de "intentar tapar sus miserias por no ser capaz de llegar a un acuerdo con los otros grupos para sacar adelante los presupuestos".

O PSdeG presentará o proximo luns, día que expira ao prazo, as súas propias emendas parciais ao orzamento.

Desde o Partido Popular de Pontevedra aínda que sosteñen que "es mejor tener un mal presupuesto a no tenerlo" xa adiantaron que votarán en contra do orzamento se non son atendidas as súas emendas.