O Grove xa celebra os sesenta anos da súa Festa do Marisco

O Salnés
06 de outubro 2023

Once días de marisco a rebentar deron comezo este xoves no Grove coa inauguración da Festa do Marisco, que cumpre sesenta anos. Vinte e tres variedades poderanse degustar nesta cita gastronómica, que se desenvolverá ata o próximo 15 de outubro

Inauguración da LX Festa do Marisco do Grove
Inauguración da LX Festa do Marisco do Grove / Ártabra Comunicación

Once días de marisco a rebentar deron comezo este xoves no Grove coa inauguración da Festa do Marisco, que cumpre sesenta anos. Vinte e tres variedades poderanse degustar nesta cita gastronómica, que se desenvolverá ata o próximo 15 de outubro.

Serán máis de 3.000 metros cadrados habilitados de carpa degustación e máis de 1.000 metros cadrados de recinto adicado a concertos, nos que familias e grupos de amigos poderán coñecer non só o mellor marisco e produto galego, senón tamén moita cultura e moita diversión.

Nécoras, navallas, volandeiras, ameixas, centolas, polbo, camaróns, fideos de marisco ou arroz de marisco serán algúns dos produtos que se servirán nesta festa. Ademais, por primeira vez na historia ofrecerase empanada de choco da ría ou tarta de queixo elaborada con este lácteo denominación de orixe Arzúa e San Simón.

A organización agarda que máis de 100.000 persoas visiten O Grove estes días. Os primeiros clientes en acadar os tickets para degustar os produtos chegaron xa de lugares tan dispares como Girona, Tarazona, Cuenca ou Porto.

A Festa do Marisco iniciouse un 6 de outubro de 1963, con apenas unhas patelas de marisco e media mañá dun domingo co produto da ría como protagonista.

"Hoxe, sesenta anos despois, celebramos unha Festa do Marisco do Grove consolidada, que é unha homenaxe a os dous sectores máis importantes da nosa vila: o mar e o turismo", explicou o alcalde, José Antonio Cacabelos, na súa inauguración.

Durante toda a festa celebraranse ademais os Concertos do Marisco, con grupos punteiros tanto a nivel galego como nacional, entre eles, Ana Moura, Os Freshkiños, Os Firrás, La La Love You, Sidonie, Celtas Cortos, Fillas de Cassandra ou La Casa Azul.