O Instituto Tecnológico de Castilla y León reactivará o servizo municipal de préstamo de bicicletas en Vilagarcía

O Salnés
28 de marzo 2022

A empresa xestiona outros sistemas de préstamo similares en Burgo, Avilés, Badajoz ou Rivas Vaciamadrid. O servizo municipal contará a partir de agora con 16 estacións e 79 bicicletas, catro delas "handbike"

Servicio municipal de préstamo de bicicletas, "Vaibike!" Concello de Vilagarcía de Arousa

O Instituto Tecnológico de Castilla y León (ITCyL), unha empresa radicada en Burgos, é a elixida polo Concello de Vilagarcía para reactivar e ampliar o servizo municipal de préstamo de bicicletas, "Vaibike!". 

Despois de longos meses de tramitación, que incluíu unha licitación deserta, a mesa de contratación propuxo a ITCyL como gañadora do concurso e será este martes cando o goberno local ratifique esa adxudicación por 175.450 euros, apenas 3.000 menos do presupostado na licitación, e co prazo de execución previsto: catro meses.

O renovado "Vaibike!" pasará así de 5 a 16 estacións e contará con 79 bicicletas, catro das cales serán "handbike", é dicir, adaptadas para o uso con cadeira de rodas. Como melloras, a empresa ofreceu ampliar en seis meses a garantía inicial, aportar 11 unidades de cadeiras portabebés para bicicletas e unha resposta garantida para reparacións ou substitucións en 24 horas. 

Instituto Tecnológico de Castilla y León xa xestiona outros servizos similares ao "Vaibike!" en cidades como Burgos, Avilés, Rivas Vaciamadrid, Badajoz ou Denia.

A actuación é financiada a través dos fondos FEDER da Unión Europea, dentro da estratexia de desenvolvemento urbano sostible e integrado (Edusi) "Vilagarcía Avanza".