O lecer nocturno pontevedrés, ao bordo do KO

Pontevedra
30 de maio 2020

O pago de alugueres e impostos durante o confinamento e as esixentes normas de control de aforos e distancia de seguridade da nova normalidade están a conducir ás discotecas, bares de copas e salas de música cara ao abismo

Praza de Méndez Núñez baleira Diego Torrado

Tres meses coa reixa baixada e as facturas acumulándose sobre a mesa. A reapertura do lecer nocturno en Pontevedra está próxima. Será o 8 de xuño. Pero o sector está ao bordo do abismo e as novas normas de seguridade que deberán cumprir e facer cumprir aos seus clientes non auguran un futuro nada prometedor. "A situación é crítica, non van chegar a abrir todos os que pecharon, están a perder moito diñeiro", alertan desde a Asociación de Hostaleiros Empresarios de Pontevedra (Hoempo).

A luz ao final do túnel comeza a verse, pero os empresarios aseguran que subsistir tanto tempo pechados foi moi duro. "Levámolo moi mal", confesa Jorge Santos, un dos socios da Discoteca A Luna, na que só 3 dos seus 26 empregados empezaron a cobrar o Erte. "Sufro por eles, é unha inxustiza", quéixase.

Tamén para os empresarios as circunstancias son agónicas. "Subsistimos cos aforros e un crédito ICO para ter liquidez", explica Julio Barral, dono dos pubs Patrimonio, Fetiche e Aranda na zona vella de Pontevedra. No seu caso, cada mes pechado supón un novo cravo no seu cadaleito porque os propietarios dos baixos non lle perdoaron o aluguer. "E son moi altos", salienta á vez que recoñece que en só un dos seus locais reducíronlle a cota á metade durante dous meses.

A negociación con provedores marcou o confinamento para eles. A SGAE aprazou as súas cobranzas e nalgúns casos os operadores de televisión suspenderon as súas tarifas, pero impostos como a cota de autónomos ou as taxas municipais terán que seguir pagándoos. "O Concello atrasa as taxas, pero seguramente nos vai a cobrar a auga e o lixo. Creo que ata é ilegal que nos cobren un servizo que non nos prestaron", critica Carlos Fontán, propietario do Bruc.

Desde o colectivo da hostalería senten desamparados polo goberno local, sobre todo cando as axudas ao sector en municipios veciños non deixan de sucederse. "Ábrensenos as carnes cando vemos a outros concellos, en Pontevedra compórtanse coma se non houbese unha pandemia", denuncian desde Hoempo, citando medidas como a gratuidade das terrazas para os dous próximos anos aprobadas no Concello de Marín.

Aínda así, a hora da reapertura achégase e o sector afronta cunha mestura de medo e ilusión a súa nova normalidade. "Haberá problemas polas restricións do Goberno, o medo da poboación e o medo do propio hostaleiro a que a clientela non respecte as normas", expoñen desde a asociación. Pero deben abrir, non hai outra saída.

E para sortear os obstáculos da nova normalidade terán que reinventarse. "Tense que terminar iso de entrar a un pub e non consumir, agora haberá que pagar entrada e haberá que adoptar o concepto do tardeo para ampliar os horarios", sondan desde o sector.

Ofrecer seguridade a empregados e clientes é a principal meta dos empresarios que, dadas as limitacións de aforo e separación entre persoas que recolle o borrador que regula o novo funcionamento destes locais que xa circula polas redes sociais, apostarán pola organización de festas privadas ou reservados para grupos de amigos. "O de ir ligar e achegarse vai estar moi complicado", recoñece Barral.

Esa restrición pode supoñer a tumba para un dos locais con máis renome da capital. "Nós funcionamos con xente maior, que son grupo de risco, e que veñen bailar. Ademais, non poderemos abrir coa metade de aforo porque non nos dá para cubrir os gastos", explica un dos propietarios da Luna.

Esa obrigación de manter a distancia de seguridade e a imposibilidade de socializar nestes locais é o que máis preocupa ao sector, que temen que o seu negocio perda todo o seu atractivo. "Nós non somos como un local de comida rápida que vés recoller a túa copa e marchas. Todo o mundo sae para coñecer xente ou estar con amigos que non ves entre a semana. Estas novas normas son incompatibles con iso", lamenta César Sánchez, propietario do Cielo.

A rendibilidade destes bares de copas e salas de música está no aire. É por iso que moitos empresarios tiran de imaxinación para buscar unha alternativa que os salve da ruína. Aproveitar o modelo de cidade de Pontevedra para atender aos seus clientes ao aire libre, nas prazas, é unha idea. "Pero en Pontevedra está prohibido consumir alcol na rúa e non creo que estean dispostos a facer unha excepción", admiten desde Hoempo desesperanzados diante un xesto do goberno local que podería ser un verdadeiro salvavidas. 

"Hai que loitar e ser positivos, porque é a única esperanza que temos. Porque xa case nin ir a misa a rezar podes", conclúe con humor Carlos Fontán.