Reunión entre os Hostaleiros de Pontevedra e o Concello co compromiso de facer presión ante a Xunta

Pontevedra
24 de agosto 2020

Este encontro foi solicitado pola Asociación de Hostaleiros Empresarios de Pontevedra (HOEMPO) ante a difícil situación que se lle presenta ao sector tralo peche da hostalería en toda España á unha da madrugada, así como a incerteza ante a proximidade do inverno

Reunión entre o Concello e o sector da hostalería de Pontevedra
Reunión entre o Concello e o sector da hostalería de Pontevedra

Este luns reuníanse os hostaleiros de Pontevedra coa concelleira de Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde, para estudar de que maneira o Concello de Pontevedra pode apoiar ao sector e servir de interlocutor con outras administracións públicas.

Este encontro foi solicitado pola Asociación de Hostaleiros Empresarios de Pontevedra (HOEMPO) ante a difícil situación que se lles presenta tralo peche da hostalería en toda España á unha da madrugada (sen permitir acceso de novos clientes a partires das doce da noite) e a prohibición de funcionamento dos locais de ocio nocturno.

A concelleira explicaba que "neste momento é máis necesaria que nunca esta comunicación porque todos os días teñen medidas novas e normativas enriba da mesa que dificultan moito o seu negocio e tamén moitas veces hai confusións e pode haber malos entendidos á hora de cumprir estas normas: como se executan, como non, que podemos facer dende o Concello".

Neste sentido, o Concello non pode intervir nas medidas decretadas polo Goberno central ou o autonómico pero a concelleira de Seguridade Cidadá comprometeuse en trasladar as inquedanzas dos empresarios hostaleiros á Fegamp, a Federación de Municipios e Provincias, e de aí á Xunta de Galicia para que se "acorde cal é a situación no noso Concello e na nosa área sanitaria en función tamén das medidas sanitarias que se están adoptando e do coidado que está tendo a hostelería de Pontevedra. Entón o que intentaremos é reclamar da Xunta de Galicia que as normas sexan claras e xustas co cumprimento destas normas sanitarias".

Pola súa banda, Víctor Pampín, o presidente da Asociación de Hostaleiros Empresarios de Pontevedra, manifestaba ao termo da reunión que o sector se atopa nun momento de moita incerteza. No caso de Pontevedra "hai negocios que teñen que reinventarse, que teñen que tomar decisións importantes e sempre teñen que ser decisións de acordo coa legalidade e consensuado neste caso co Concello", de aí a importancia desta reunión.

Pampín recalca que a maior preocupación agora está no peche do ocio nocturno "porque parece que leva as culpas de todos os contaxios cando se sabe, con números reais, que en xeral o hábito nacional é que é dos puntos onde menos contaxios está habendo" e engade que "precisamente somos o único sector onde había un rexistro real de clientes para que en caso de haber un contaxio poder seguir un rastreo. E por parte dos hosteleiros somos os primeiros interesados en que a xente cumpra a normativa para poder seguir cos nosos negocios abertos".

Laméntase o representante dos hostaleiros pontevedreses de que esta medida tan drástica non fose consensuada co sector, xa que se podería demostrar que eles si cumpren con todas as medidas. Por iso a reunión co Concello é unha oportunidade case desesperada de poder chegar a administracións superiores, das que dependen estas medidas.

A situación actual é crítica ante a cercanía do inverno, un tempo no que a hostelería adoita ter unha merma de ingresos. Sen poder facer caixa en verán, para Víctor Pampín a única solución pasa porque se abra unha liña de axudas se os negocios teñen que seguir pechados. "Obviamente o obxectivo de todos os empresarios está claro que é poder salvar os negocios e seguir con eles abertos, pero para iso, dada a situación do Covid, necesitamos un apoio das administracións a nivel local, estatal e da Xunta, porque sen axudas vai ser difícil. É un sector que a nivel nacional aglomera moitísimos miles de negocios e moitos miles de postos de traballo directos e indirectos", manifesta o presidente de HOEMPO.