O Lérez mantén a baixada do caudal coa esperanza posta nas chuvias previstas para a fin de semana

Pontevedra
31 de agosto 2022

Segundo a concelleira do Ciclo da Auga de Pontevedra, Carme da Silva, o caudal sitúase en 1,23 m/s, mentres que a semana anterior se atopaba en 1,45 m/s, atendendo aos datos de Augas de Galicia. A situación de prealerta continúa e sinala que o municipio de Pontevedra reduciu a súa captación nun 10% desde mediados de xullo

Carme da Silva, concelleira do Ciclo da Auga de Pontevedra Concello de Pontevedra

Os representantes dos Concellos que captan auga do río Lérez mantiñan un novo encontro este mércores con representantes de Augas de Galicia. Durante a reunión, segundo a concelleira do Ciclo de Auga de Pontevedra, Carme da Silva, sinalaron que o caudal do río baixou a 1,23 m/s cando na semana anterior rexistrouse un 1,45, segundo os datos ofrecidos pola propia Xunta.

A previsión é que continúe o descenso, segundo a concelleira, aínda que as previsións de choiva para a noite deste sábado 3 e o domingo permiten albergar a esperanza de que se mellore a situación actual. 

O consumo de auga do sistema tamén se atopa en descenso. Este mércores rexístrase en 36.320 metros cúbicos diarios, cando ao comezo da prealerta situábase en 37.000, segundo o Concello de Pontevedra, un descenso do 1,8%.

En concreto, no Concello de Pontevedra, segundo a concelleira, a redución do consumo establécese nun 10% desde que se realizan estes controis semanais, pasando de 15.270 metros cúbicos a 13.748, que se vinculan á contención do gasto da auga no consumo doméstico e nas medidas adoptadas en regas e limpezas viarias.

A concelleira sinalou que a borrasca traerá unha "cantidade de auga importante" esta fin de semana, co que se espera unha subida importante do caudal do Lérez para ver despois a evolución ao longo do mes de setembro. Tamén sinalou que as presas augas arriba da captación do río atópanse cheas e estas choivas tamén permitirán un incremento no encoro do Pontillón, que actualmente se atopa ao 81%. 

A pesar da previsión de precipitacións, o estado de prealerta continuará e Da Silva realizaba un chamamento á redución do consumo e ao uso responsable da auga. 

Na Feira Franca adoptarase a medida de evitar a distribución de palla polos chans das rúas, como si se realizaba outros anos, para evitar o baldeo para a súa retirada e ademais, #ante a previsión de choiva, estas pequenas canas ao humedecerse poderían atascar a rede de sumidoiros.

Arquivado en