O local dos Ferreiros xa é de propiedade municipal

Pontevedra
22 de xuño 2017

"É unha compra excelente". Así describiu o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, a adquisición do local da rúa dos Ferreiros, que o Concello destinará a ampliar as dependencias municipais. O inmoble xa é da súa propiedade tras asinar o acordo de compra con responsables de Afundación, ata agora donos do local

Miguel Anxo Fernández Lores Mónica Patxot

"É unha compra excelente". Así describiu o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, a adquisición do local da rúa dos Ferreiros, que o Concello destinará a ampliar as dependencias municipais. O inmoble xa é da súa propiedade tras asinar o acordo de compra con responsables de Afundación, ata agora donos do local.

Polo local, de 1.300 metros cadrados repartidos en dúas plantas, o Concello pagou 1.152.000 euros. A ese prezo haberá que sumar, nun futuro, o custo das obras de acondicionamento destas instalacións.

Nel situaranse os servizos de urbanismo, xestión tributaria e tesourería.

Este inmoble reúne, segundo o alcalde, "todas as condicións indispensables" para resolver os problemas de espazo que ten a administración municipal, para poder prestar unha "mellor atención" aos cidadáns e mellorar as condicións de traballo dos funcionarios.

A nova propiedade do Concello atópase "no eixo" que forman Peregrina, Michelena, Praza de España, Ferreiros e o chalé de Fontoira "todo en liña recta e totalmente accesible", destacou Fernández Lores. 

Os técnicos municipais xa están a elaborar o proxecto para acondicionar o local, de forma que estas instalacións estean "o antes posible" a disposición dos cidadáns e dos traballadores do Concello.

Con respecto ás alegacións que presentou o PP a esta compra, Lores asegurou que o Concello ten "argumentos xurídicos e económicos suficientes" para responder a este trámite e rexeitar o recurso dos populares e cualificou como "inverosímil" a súa oposición a unha adquisición que incrementará o patrimonio municipal.

"Nós temos a responsabilidade de dar as mellores condicións de traballo aos funcionarios e o mellor servizo aos cidadáns", explicou o alcalde, que engadiu que serán os pontevedreses os que "valorarán se respondemos ou non aos nosos compromisos".