O maio xa chegou ao CEIP Manuel Vidal Portela

Pontevedra
30 de abril 2024

O alumnado celebrou a festa arredor dun maio xigante, coroado con flores e adornado coas laranxas e cascas de ovo. Os estudantes cantaron as coplas sobre o cine, proxecto en que están a traballar durante este curso, e tamén recitaron poemas de Curros Enríquez

Festa dos Maios no CEIP Manuel Vidal Portela
Festa dos Maios no CEIP Manuel Vidal Portela / CEIP Manuel Vidal Portela

O último día de abril converteuse na data elixida polo CEIP Manuel Vidal Portela para celebrar a Festa dos Maios realizando diversas actividades arredor da figura dun gran maio situado no centro do patio do recinto do centro educativo pontevedrés.

Durante os últimos días, alumnado de Educación Infantil e de Primaria traballaron para crear o maio utilizando a coroa floral e adornándoo coas laranxas e cascas de ovo.

Ademais crearon coplas que durante a mañá deste martes soaron con entusiasmo, a ritmo dos tradicionais paus e outros instrumentos, para representar a chegada da primavera.

Estudantes e profesorado elaboraron versos que trataban sobre a temática do cinema, un proxecto escolar no que están a traballar este curso. Tamén recitaron poemas de Curros Enríquez sobre Os Maios.

Desde a dirección do centro escolar sinalan que seguirán traballando para manter viva a cultura de Galicia e transmitila entre o alumnado.