O modelo de tratamento dos biorresiduos a través da compostaxe, promovido pola Deputación de Pontevedra no seu Plan Revitaliza vai chegar á India grazas ao coñecemento que a administración provincial vén de trasladar á Fundación Vicente Ferrer para aplicalo no programa ‘Maana Bhoomi’.
Este programa é unha iniciativa de cooperación que facilitou vivenda a 34 familias rurais no distrito de Kurnool, e que agora darán nocións de compostaxe para que estas familias xestionen os seus propios biorresiduos, coa idea de que no futuro se extenda este proxecto a outros territorios nos que teña actividade a Fundación.
Esta noticia foi anunciada este martes na xornada organizada pola Deputación e a Fundación Vicente Ferrer, financiada da man do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, á que acudiron representantes de concellos galegos e tamén alumnado dos ciclos da Escola de Capataces Forestais de Lourizán.
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera explicou que o intercambio de coñecemento é "fundamental" para que territorios con grande poboación como a India, nos que o nivel de consumo está aínda por desenvolver, "non cometan os erros que xa se viviron noutros lugares durante moitos anos" e que, segundo indicou, "produciron que os residuos hoxe en día sexan posiblemente o maior problema do planeta, incluso comprometendo o seu futuro".
Segundo o nacionalista, no relativo aos residuos é preciso aplicar dúas máximas: que os residuos deben ser responsabilidade de quen os produce, e que estes, separados, son un recurso, pero mesturados para logo tratalos –como acontece nos países occidentais na actualidade- son un problema que ten mala e moi contaminante solución.
César Mosquera explicou que "todos os residuos que se poidan tratar ‘in situ’ na comunidade, que as persoas se fagan cargo e o ciclo se remate no mesmo lugar que se producen, convértense nunha riqueza".
A delegada da Fundación Vicente Ferrer, María Moldes, apuntou que na India comezouse a traballar na xestión dos residuos e a concienciación ambiental da poboación porque se partía dunha concienciación nula nun lugar onde non hai infraestrutura: "o que se fai cos residuos é queimalos". "O noso obxectivo é ver como nos adaptamos para solucionar un problema global de maneira local e facer esa transferencia de coñecemento uns aos outros e construír un planeta máis sustentable para todos", finalizou.