O Museo constata a súa volta a normalidade ao rexistrar case 4.500 visitas nesta Semana Santa

Pontevedra
20 de abril 2022

Novamente rexistráronse rexistros de récord, sendo as vacacións de 2022 as segundas de maior concorrencia dende 2017. O público galego supón tres cuartas partes da afluencia e o estranxeiro experimenta un tímido un crecemento

Ruínas de San Domingos, en Pontevedra Museo de Pontevedra - Deputación de Pontevedra

O Museo de Pontevedra vén de constatar a súa recuperación de público e a volta á normalidade tras a pandemia con preto de 4.500 visitas durante a Semana Santa. Novamente marcáronse rexistros de récord como aconteceu no primeiro trimestre, sendo as vacacións de 2022 as segundas de maior concorrencia dende 2017. 

O vicepresidente César Mosquera, responsable político da institución, destacou que o crecemento sostido que está a rexistrar o Museo nas últimas datas coincide coa dinámica que se truncara coa covid-19. Destacou que é positivo que o aumento sexa suave e que non haxa subidas extremas co fin de ofrecer unha experiencia de visita positiva atendendo ben a todas as persoas que se acheguen.  

As estatísticas analizadas polo departamento de Educación e Públicos da institución revelan a significativa recuperación de visitantes cunha tendencia á volta á normalidade que se consolida: 3.934 persoas en 2017, 3.873 persoas en 2018, 5.227 persoas en 2019, ningunha en 2020 polo peche, e 1.338 en 2021.

O total de visitantes nesta Semana Santa deste 2022 foi de 4.365 persoas, o segundo máis numeroso en seis anos. A nivel dos Edificios do Museo, as Ruínas de San Domingos foron as máis visitadas, con 3.299 persoas, unha cifra moi próxima á máis alta dos últimos seis anos, que foi en 2019 con 3.348 persoas. Entraron nos edificios Sarmiento e Castelao un total de 891 persoas e participaron nalgunha das actividades programadas neles outras 175 persoas. 

En canto á procedencia das visitas individuais. o 94 % é de ámbito estatal, chegando ao 74 % as visitas de dentro de Galicia, seguidas de Madrid, Castela e León, Andalucía e Cataluña. O 6 % de persoas estranxeiras chegan principalmente de Portugal, Reino Unido, Alemaña, Italia ou Estados Unidos, entre outras.

Tamén se certifica nestas últimas visitas que a recuperación de público estranxeiro é máis lenta que a de público estatal, algo que coincide cos datos de turismo no resto de España.