O novo acceso a Monte Porreiro por Os Campos afectará a 32 leiras

Pontevedra
10 de outubro 2017

O orzamento desta nova estrada é de 1.137.280 euros e forma parte dun convenio entre a Deputación Provincial e o Concello de Pontevedra

Contorna dos Campos PontevedraViva

Os concelleiros Demetrio Gómez e Alberto Oubiña reuniranse este martes con veciños da contorna de Monte Porreiro para explicarlles o proxecto do novo viario de acceso a Monte Porreiro que terá un orzamento de 1.137.280 euros e un prazo de execución de nove meses.

Os representantes do goberno local sinalaron que a Deputación xa achegou fondos do convenio asinado co Concello de Pontevedra para esta obra: 439.000 euros para expropiacións e 341.000 para a execución dos traballos, que seguirán o modelo urbano coa presenza dun mínimo de 12 lombos que eviten a circulación a altas velocidades e con dous carrís, cunha beirarrúa de 2,50 metros de ancho en tan só un dos laterais desta nova estrada. No outro se instalará unha beiravía con recollida de augas.

Segundo explicaba o concelleiro responsable da parroquia de Mourente, a vía de arredor de 700 metros seguirá o trazado da Rúa da Reguiña. Crearanse zonas de aparcadoiro e no viario interno dos Campos, nas proximidades do colexio, reducirase o tráfico unicamente para residentes. 

Esta nova estrada carrexa a expropiación de 32 leiras só por un dos laterais da vía, no que non hai vivendas. A Deputación de Pontevedra será a administración que se encargue do proceso de expropiación deste novo acceso á urbanización que tamén establecerá prioridade peonil e ciclista.