O Plan Revitaliza dará un "salto adiante" cunha nova fase centrada na parte normativa deste modelo de xestión de residuos

Pontevedra
14 de outubro 2021

Segundo adiantou en rolda de prensa o vicepresidente da Deputación, César Mosquera, "esta nova fase claramente diferenciada" centrarase na parte normativa do Plan Revitaliza, para acelerar o tratamento da fracción orgánica nos  concellos da provincia  

César Mosquera, vicepresidente da Deputación de Pontevedra
César Mosquera, vicepresidente da Deputación de Pontevedra / Mónica Patxot

A Deputación de Pontevedra aprobará na Xunta de Goberno deste venres 15 de outubro varios asuntos relacionados co Plan Revitaliza que supoñerán un "salto adiante" para este modelo de xestión de residuos baseado na compostaxe de biorresiduos.

Segundo adiantou hoxe en rolda de prensa o vicepresidente da Deputación, César Mosquera, "esta nova fase claramente diferenciada" centrarase na parte normativa do Plan Revitaliza, para acelerar o tratamento da fracción orgánica nos concellos da provincia.

A administración provincial sacará as bases dunha liña de axudas para subvencionar as novas ordenanzas municipais sobre residuos, co seu respectivo réxime sancionador, xa que "tal e como están agora é francamente disfuncional" a implementación do novo sistema de compostaxe. 

A maioría das ordenanzas dos concellos da provincia foron aprobadas a principios da década dos 90 e, segundo Mosquera, establecen "serias dificultades" para conseguir os obxectivos que se marca en Plan Revitaliza.

A Deputación de Pontevedra dispoñerá axudas para elaborar estas ordenanzas que van desde os 6.000 euros para os concellos con menos poboación e ata os 22.500 euros para aqueles de ata 50.000 habitantes.

Ademais a Xunta de Goberno adxudicará á empresa 3SM Sistemas Medioambientales o seguimento e repartición dos composteiros individuais coa intención de que este proceso sexa "máis áxil" despois da "frenazo" que sufriu con motivo da pandemia.

Finalmente, Mosquera anunciou que a próxima semana visitará a provincia unha delegación de técnicos xunto ao director xeral e ao xerente da Axencia de Residuos de Cataluña que van explicar a súa experiencia neste ámbito. Singularmente, centraranse na recollida de biorresiduos "porta a porta" e os axustes que serán necesarios para implementar este sistema en Pontevedra.

Está previsto que o venres 22 de outubro se celebre unha reunión coa participación de representantes dos concellos adheridos ao Plan Revitaliza.